O director da Amtega destaca a importancia da cooperación público-privada no ámbito da ciberseguridade

Mércores 22 de Abril de 2026

O director da Amtega destaca a importancia da cooperación público-privada no ámbito da ciberseguridade

Destacou a posta en marcha a finais da xuño do laboratorio e centro demostrador transversal de ciberseguridade da Xunta, que ofrecerá ás empresas contornas reais nas que probar solucións e anticipar riscos
Damián Rey inaugurou esta mañá unha xornada sobre os retos da normativa "Cyber Resilience Act (CRA) na ciberseguridade do ecosistema dixital"

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Damián Rey, destacou hoxe a importancia da cooperación público-privada para abordar os retos da ciberseguridade. O máximo responsable da axencia autonómica inaugurou esta mañá a xornada O impacto da Cyber Resilience Act (CRA) na ciberseguridade do ecosistema dixital”.
Damián Rey incidiu en que “a Administración autonómica leva anos apostando por consolidar un ecosistema sólido no que institucións públicas, empresas, centros tecnolóxicos e ámbito académico traballemos intercambiando sinerxias e coñecementos” e que con ese obxectivo “puxemos en marcha hai seis anos o Nodo CIBER.gal, que hoxe é un espazo de referencia para esa colaboración público-privada”. Só no último ano o Nodo impulsou máis de 300 actividades de formación, sensibilización e divulgación, que chegaron a máis de 11.000 persoas.
O director da Amtega destacou que “nesa mesma liña de colaboración e impulso ao tecido produtivo, demos un paso máis coa posta en marcha da iniciativa RETECH que desenvolvemos xunto con Cataluña e a Comunidade Valenciana para a creación dun Centro de Innovación e Competencias en Ciencias da Saúde, Transporte Intelixente, Industria Conectada e Excelencia Operativa”.
No marco desta iniciativa porase en marcha a finais de xuño un laboratorio transversal con dous espazos, un centrado en produtos con elementos dixitais e outro na protección de infraestruturas e procesos produtivos fronte a riscos dixitais, que ofrecerán ás empresas contornas reais nas que probar solucións e anticipar riscos ante un contexto normativo e tecnolóxico cada vez máis esixente. Estes espazos estarán na Cidade da Cultura para, posteriormente, trasladarse ao futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia de Ourense.

Esta xornada desenvólvese no marco do programa RETECH e conta con financiamento do Plan de Recuperación e fondos NextGenerationEU, a través de INCIBE.