O Diario Oficial de Galicia deixará de publicarse en papel o vindeiro luns
A edición dixital do DOG garante un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso para toda a cidadanía
Coa eliminación da versión impresa acádase un aforro económico de máis de 1 millón de euros anual
A edición electrónica do Diario Oficial de Galicia substituirá definitivamente á versión impresa o vindeiro luns, 2 de maio. Así se recolle nunha orde publicada hoxe no DOG. Deste xeito avánzase un paso máis no proceso de modernización da Administración autonómica e cúmprese cun dos obxectivos recollidos no decreto de Administración electrónica aprobado polo Goberno galego o pasado mes de decembro.
A edición electrónica do Diario Oficial de Galicia garante a mesma validez xurídica que a versión en papel así como un servizo público universal, de consulta gratuíta e libre acceso a toda a cidadanía, simplificando os procesos de produción, reducindo o tempo de edición, a racionalización do gasto e a difusión gratuíta do boletín.
Entre as principais vantaxes da edición online está o importante aforro económico de máis de 1 millón de euros anual ao eliminar o uso do papel para a súa publicación xunto coa redución do impacto ambiental. Ademais, a súa lectura será máis fácil ao estar estruturado dun xeito máis sinxelo e poderase consultar as 24 horas os 365 días do ano.
Os cidadáns terán a posibilidade de descargar en formato dixital e de imprimir en soporte papel copias fidedignas das edicións do DOG a través do enderezo http://dog.xunta.es. As copias en soporte papel do DOG electrónico teñen a consideración de copias auténticas, sempre que inclúan a impresión do código de verificación electrónica que permita contrastar a súa autenticidade identificadas e que está impreso na esquina inferior esquerda de cada páxina.
Modernización da Administración
A posta en marcha da edición electrónica do DOG é un dos fitos establecidos no Decreto de Administración electrónica e no Plan de Modernización da Administración autonómica que ten como obxectivo garantir as relacións telemáticas entre os cidadáns e a Administración. O plan, dotado con 26 millóns de euros ata o 2013, busca acadar uns niveis homoxéneos de servizos dixitais para todos os cidadáns, independentemente do lugar onde vivan e do nivel administrativo desde o que inicien a tramitación. Trátase de conseguir unha administración aberta aos cidadáns as 24 horas os 365 días do ano para o que se irá implantando progresivamente o uso dos medios electrónicos nas comunicacións, trámites e prestacións de servizos cos cidadáns así como na súas comunicacións internas e con outras administracións públicas e institucións.