O departamento de Informática do Álvaro Cunqueiro convértese nunha referencia para estudantes e profesionais polo seu nivel tecnolóxico

Luns 04 de Abril de 2016

O departamento de Informática do Álvaro Cunqueiro convértese nunha referencia para estudantes e profesionais polo seu nivel tecnolóxico

Un grupo de estudantes do ciclo formativo de Sistemas Microinformáticos e Redes do IES Pazo da Mercé das Neves iniciou as visitas ás instalacións do servizo e á sala de servidores, que ten unha capacidade de almacenamento de máis de 300 Terabytes, o que equivale a arquivar 100 millóns de fotos.

A infraestrutura composta por case 15.000 puntos de conexión, permite a comunicación entre profesionais sen necesidade de “papeis”, que só se reducen aos documentos que se entregan aos pacientes.

O departamento de Informática do Hospital Álvaro Cunqueiro estase a converter nunha referencia para estudantes e profesionais polo nivel tecnolóxico de que dispón e a capacidade de información que é capaz de xestionar.

Con case 15.000 tomas de datos para a conexión de equipos informáticos e de comunicación, é un dos servizos máis avanzados tecnoloxicamente de cantos hai nos hospitais de Galicia. A infraestrutura que xestiona o servizo de Informática situado no hospital permite a conexión centralizada e en rede de todos os equipos tanto informáticos como de comunicación, un sistema que xestiona máis de 2.000 teléfonos e máis de 2.500 computadores.

Estes son algúns dos datos que coñeceron os 30 alumnos e tres profesores de ciclo de grao medio de Sistemas Microinformáticos e Redes do IES Pazo da Mercé das Neves, que iniciaron as visitas ás instalacións do servizo no hospital vigués.

Tras asistir a unha sesión teórica, na que os alumnos coñeceron como funciona todo o sistema, visitaron a estancia que alberga os servidores e as unidades centrais, cunha capacidade de almacenamento superior a 300 Terabytes. Unha cifra que en termos de consumo normal, por poñer un exemplo, significa que poderían almacenarse no Álvaro Cunqueiro 100 millóns de fotografías.

Posteriormente, os alumnos visitaron a infraestrutura a nivel de servidores que permanece no Hospital do Meixoeiro e que se trasladan, progresivamente, ao centro de proceso de datos do novo hospital de Beade.

Aplicacións
O soporte informático do Álvaro Cunqueiro non só se refire aos computadores ou á telefonía, senón que dá servizo á nova tecnoloxía de que está dotada o hospital, mediante aplicacións informáticas.

Aínda que a máis utilizada das aplicacións é a Historia Clínica Electrónica “IANUS”, que usan ao redor de 5.000 profesionais sanitarios e que serve de soporte dixital para todos os aspectos relacionados coa asistencia médica, no novo hospital implantáronse outras que afectan a áreas determinadas de traballo: unidades de críticos, robotización da farmacia hospitalaria, quirófanos integrados ou terminais a pé de cama. Estas últimas permiten que o persoal sanitario poida controlar, á beira do paciente hospitalizado, a súa evolución, as probas que se lle practicaron ou o seu historial clínico, ademais de controlar dixitalmente a medicación que se lle administra mentres o enfermo está ingresado.

Hospital sen papeis
Os estudantes das Neves, que se mostraron sorprendidos coas innovacións tecnolóxicas e o volume das mesmas, coñeceron de primeira man que o Hospital Álvaro Cunqueiro dispón de todos os servizos dixitalizados. Isto supón que é posible que todas as comunicacións entre profesionais sanitarios se realicen sen necesidade de utilizar papeis. Os documentos por escrito quedan só reservados para as indicacións que se lle entregan aos pacientes ou enfermos que son atendidos nos distintos servizos do hospital.

Os alumnos coñeceron, ademais, que o servizo de Informática xestiona as estacións de diagnóstico radiolóxico e o relacionado coa alta tecnoloxía. Os responsables do servizo informáronlles, ademais, da existencia de 500 repetidores de sinal wifi, que están distribuídos polo hospital.