O curso “Internacionalización de empresas TIC” pecha a formación do CDTIC destinada ao persoal directivo das empresas tecnolóxicas

Martes 03 de Xuño de 2014

O curso “Internacionalización de empresas TIC” pecha a formación do CDTIC destinada ao persoal directivo das empresas tecnolóxicas

O seminario consta de dúas sesións que se impartirán os días 5 e 6 de xuño.

A asistencia é de balde, previa inscrición na web do CDTIC http://cdtic.xunta.es/Internacionalizacion_TIC

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, acollerá o xoves 5 e o venres 6 de xuño, en horario de mañá e tarde, o curso Internacionalización de empresas TIC. Trátase da cuarta e última das accións formativas dirixidas ao persoal directivo das empresas tecnolóxicas galegas.

Neste novo curso abordaranse os aspectos clave á hora de iniciar un proceso de internacionalización, sexa cal sexa a fórmula empregada: aperturas de filiais, colaboracións na distribución de produtos ou servizos, deslocalización de procesos produtivos... Dúas persoas serán as encargadas de impartir os contidos que se inclúen no programa desta actividade. Por unha banda, Jesús Albizu, profesor no MIB da Escola de Negocios Caixanova e consultor de internacionalización con ampla experiencia no mercado latinoamericano e, por outra, Piedad Rojas, responsable de desenvolvemento de negocio da empresa galega Eosa en Colombia.

Programa do curso
O curso desenvolverase ao longo de dúas xornadas e consta de dúas partes diferenciadas. O primeiro seminario, que será impartido por Jesús Albizu o 5 de xuño de 16.00 a 20.00 h e o 6 de xuño de 10.00 a 14.00 h, estará dedicado ás estratexias de internacionalización, e nel trataranse temas como o proceso de internacionalización, a selección de destinos, a estratexia para abordar un mercado, os aspectos relacionados co marketing, a xestión dos recursos humanos e o marco xurídico.

O segundo seminario, impartido por Piedad Rojas, desenvolverase o 6 de xuño de 16.00 a 20.00 horas e centrarase no mercado colombiano. Abordaranse nesta xornada temas como a apertura exterior, os tratados de libre comercio, os incentivos ao investimento ou a concentración do sector TIC.

Formación para persoal directivo de empresas TIC
Este curso forma parte dunha serie de actividades formativas programadas polo CDTIC dirixidas a empresas tecnolóxicas. Organizáronse un total de catro cursos destinados ao persoal directivo deste tipo de empresas. Con este dedicado á internacionalización péchase o ciclo, que comezou os días 8 e 9 de maio cunha xornada sobre “Definición e planificación da estratexia das empresas TIC”.

Continuouse cun segundo curso, “Habilidades directivas”, o 15 e o 16 dese mesmo mes, e o 22 e 23 co titulado “Creación, desenvolvemento e comercialización dun produto TIC”.

Todas estas accións formativas son de balde, previa inscrición na web https://cdtic.xunta.es/. O lugar de celebración é a sede do CDTIC Galicia, en Santiago de Compostela.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.