O curso de Scratch do CPETIG e a Amtega esperta o interese do profesorado de toda Galicia, cunha demanda superior ás prazas dispoñibles
Esta iniciativa, que comeza mañá no Centro Demostrador TIC, formará aos docentes no desenvolvemento de aplicacións informáticas con esta ferramenta de software libre.
O obxectivo final é incorporar aos máis novos á programación con solucións libres.
O curso de Scratch, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), espertou o interese do profesorado non universitario de toda Galicia ao superar a demanda as 35 prazas dispoñibles. Esta actividade formativa, que se celebrará mañá e o próximo venres no Centro Demostrador TIC (CDTIC), en Santiago de Compostela, entre as 16.00 e 20.00 horas, conta coa colaboración da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
O curso está dirixido a profesores non universitarios, especialmente de Tecnoloxía e de Informática, para formalos no desenvolvemento de aplicacións informáticas coa ferramenta de Scratch, coa que despois se ensinará aos escolares os fundamentos da programación informática.
Pensamento creativo
Scratch é unha ferramenta informática que permite aos usuarios programar historias interactivas, xogos e animacións, e compartilas en liña con outros membros da comunidade. Deseñada para nenos de idades entre os 8 e os 16 anos, axuda aos máis novos a aprender a pensar de xeito creativo, razoar sistematicamente, e traballar en colaboración coa comunidade.
Por iso, os obxectivos esenciais do curso son aprender a desenvolver aplicacións informáticas con Scratch; comprender a potencia do seu uso como ferramenta didáctica; coñecer metodoloxías e casos de éxito da ensinanza da programación con este software; e desenvolver estratexias de integración da programación con Scratch en distintas etapas e disciplinas educativas.
Formadores con 10 anos de experiencia
Esta iniciativa enmárcase nas actividades previstas no convenio de colaboración entre o CPETIG e a Amtega, asinado o pasado 2 de abril, e conta coa participación dos profesores Jesús Moreno León e José Ignacio Huertas Fernández. Ambos docentes son enxeñeiros técnicos en Informática e mestrados en enxeñaría de sistemas telemáticos con 10 anos de experiencia como profesores de informática en secundaria e formación profesional
O CPETIG, mediante estas actividades formativas, quere contribuír ao fomento e promoción de da sociedade da información e das tecnoloxías da información nos ámbitos da comunidade educativa, sobre todo, entre os máis novos.