O CPETIG organiza a IV Xornada de Informática Xudicial

Martes 09 de Setembro de 2014

O CPETIG organiza a IV Xornada de Informática Xudicial

A xornada conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).
O 10 de outubro a Cidade da Cultura será punto de encontro de técnicos e xuristas.

 O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) analizará os retos da xustiza ante a sociedade 2.0 na IV Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos, que se celebrará en Santiago de Compostela o 10 de outubro.

Baixo o título A xustiza ante a sociedade 2.0. Móbiles, nube, redes sociais e big data, nesta nova edición o CPETIG quere continuar contribuíndo a incrementar a eficiencia da administración xudicial, amosando aos xuristas os beneficios da incorporación e uso das novas ferramentas electrónicas no proceso xudicial e informando sobre os avances en materia probatoria.

A xornada terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia, sede da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que patrocina a súa celebración grazas a un convenio de colaboración asinado co CPETIG co obxectivo de formar aos profesionais da Administración de Xustiza no uso das TI e conciencialos sobre as súas potencialidades.

Dirixidas a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, ademais de enxeñeiros en informática, o formulario de inscrición está xa dispoñible no microsite do evento http://xornadaxudicial.cpetig.org/.

Amplo programa con prestixiosos expertos
Baixo a dirección técnica do avogado Víctor Salgado, a xornada contará coa participación de salientables relatores. Eloy Velasco, xuíz da Audiencia Nacional que ten participado en anteriores edicións, falará do novo escenario xurídico-probatorio ante a ilegalización da directiva europea de conservación de datos. O xa famoso responsable da conta de twitter da Policía Nacional (@policia), Carlos Fernández, exporá o seu traballo de divulgación e prevención en materia de menores e redes sociais, mentres Raúl Siles, un dos principais expertos do mundo en seguridade en redes informáticas, analizará a inseguridade á que nos enfrontamos os usuarios de dispositivos móbiles e novas tecnoloxías.

Abrirá a xornada Jorge Campanillas, avogado especialista en dereito das TIC que tratará sobre big data, o dereito á privacidade e a proba electrónica. Jorge Martín, como inspector xefe da Comisaría Xeral da Policía Científica, relatará o labor forense da Policía Xudicial ante a nube e os dispositivos móbiles, mentres Julián Valero-Torrijos, profesor de Dereito Administrativo, abordará o marco normativo da Lei de Xustiza Electrónica. Ademais un representante do Centro Europeo contra el Cibercrimen (EC3) da Europol falará sobre a ciberdefensa ante as novas ciberameazas.

O CPETIG apoia o desenvolvemento tecnolóxico de Galicia
Nado no 2007 co obxectivo de organizar, protexer, mellorar e velar por un axeitado exercicio da profesión, o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia está comprometido co desenvolvemento tecnolóxico de Galicia e, grazas ao convenio asinado coa AMTEGA, organiza ao longo do ano diferentes actividades con esta finalidade.