O CPETIG en colaboración coa AMTEGA celebra unhas xornadas sobre os menores e o uso seguro das redes sociais en Santiago, A Coruña E Ourense

Sábado 08 de Xuño de 2013

O CPETIG en colaboración coa AMTEGA celebra unhas xornadas sobre os menores e o uso seguro das redes sociais en Santiago, A Coruña E Ourense

Terán lugar os días 18, 19 e 20 de xuño e a inscrición é de balde

Entre os relatores estarán a User Support & Translations Manager de Tuenti, María de Sousa-Valadas, ou o responsable do Equipo de Delincuencia Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, Gonzalo Sotelo

O Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) organiza, no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), unhas xornadas nas que se abordará o uso seguro das redes sociais por parte dos menores de idade.

As xornadas desenvolveranse o día 18 de xuño en Santiago de Compostela (Centro Demostrador TIC), o día 19 de xuño en A Coruña (salón de actos de la Fundación Paideia) e o 20 deste mesmo mes en Ourense (Centro de Desenvolvemento Novacaixagalicia). O horario das mesmas será de 18:00 a 20:00 horas en Santiago e A Coruña e de 17:30 a 19:30 horas na cidade das Burgas.

O obxectivo destas charlas é sensibilizar aos pais e profesores sobre os principais riscos derivados do uso non apropiado destas ferramentas e, ao tempo, proporcionarlles os recursos necesarios para axudarlles na prevención dos mesmos ou minimizar as súas consecuencias. A inscrición é de balde e os interesados en asistir poden obter máis información no teléfono 656621952 e a través do mail redesmenores@cpetig.org.

Relatores de primeiro nivel
Os poñentes escollidos para participar nestas xornadas destacan, tanto polo seu coñecemento da materia como pola pluralidade dos enfoques dos seus relatorios, que permitirán aos participantes abordar o tema do uso seguro das redes sociais dos menores dende disintas ópticas.

Nas xornadas participarán como relatores a User Support & Translations Manager de Tuenti, María de Sousa-Valadas Castaño, que falará da rede social para a que traballa centrando a súa intervención nas políticas de privacidade e de seguridade.

Tamén participará o responsable do Equipo de Delincuencia Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra, Gonzalo Sotelo, que ofrecerá o relatorio “Menores e Novas Tecnoloxías: benvidos ao deserto do real”, no que explicará as novas figuras delituosas vinculadas ao uso das redes sociais, así como ao traballo de investigación policial que se realiza nestes casos.

A terceira relatora será a Fiscal Delegada de Criminalidade Informática na Provincia de Pontevedra, Marta García de la Concha Álvarez, que abordará a temática do menor como vítima ou responsable de delitos a través de Internet. Na charla afondará na responsabilidade penal dos menores de idade, así como na responsabilidade civil solidaria de pais e titores.

Por último, as xornadas contarán coa participación dun colexiado do CPETIG que dará unha series de consello técnicos para facer un uso seguro das redes sociais.

Internet e as redes sociais, riscos e oportunidades
As redes sociais, e internet en xeral, hoxe en día teñen un enorme potencial, pero tamén implican novos riscos e novas oportunidades que precisan ser identificadas e estudadas. Conceptos como ciberbulling (acoso entre menores), o grooming (acoso entre un adulto e un menor), o sexting (envío de fotografías sexuais), empezan a ser de uso corrente, facéndose necesario establecer mecanismos e canles de control e denuncia, na que a colaboración entre pais, educadores e a sociedade en xeral é absolutamente necesaria.

Neste contexto, desde o CPTIG en colaboración coa Amtega, búscase ofrecer a través deste tipo de actividades ferramentas para que pais, nais e profesores teñan recursos cos que axudar aos menores a afrontar a cara menos amable da Rede e dese modo dar forma ao seu futuro dixital; primeiro coñecendo os perigos e segundo, ofrecéndolles respostas ante eles nas que os valores, a comunicación e o fomento do sentido crítico xogan un papel fundamental.