O CPETIG e a Amtega reúnen en Santiago a grandes expertos en ciberseguridade na VI Xornada de Informática Xudicial

Mércores 21 de Setembro de 2016

O CPETIG e a Amtega reúnen en Santiago a grandes expertos en ciberseguridade na VI Xornada de Informática Xudicial

A cita, que será o 28 de setembro, abordará a seguridade xurídica ante a nova realidade tecnolóxica

Entre os relatores, David Barroso, o profesional que protexe os datos informáticos de empresas do IBEX con técnicas de contraespionaxe, o conselleiro xefe TIC da CE, Francisco García Morán ou o maxistrado da Audiencia Nacional, Eloy Velasco

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG), e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), celebran o vindeiro 28 de setembro a VI edición das Xornadas de Informática Xudicial, que reunirán a algúns dos máis reputados expertos na materia.

Esta xornada, que leva por título Privacidade, e-Xustiza e Seguridade en infraestruturas críticas, está dirixida a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral e ten como obxectivo contribuír a dotar de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica e mellorar a efectividade e a eficiencia da administración xudicial, mediante o uso das novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.

A iniciativa, que reunirá a máis dun cento de asistentes, enmárcase no compromiso do Cpetig e da Amtega de ofrecer formación para que o colectivo de profesionais da xustiza coñeza mellor a esixente nova realidade tecnolóxica. A xornada contribuirá a informar e concienciar a estes profesionais dos avances en materia probatoria nos casos nos que interveña o factor informático no proceso e poñer en valor os importantes beneficios da incorporación e uso das novas tecnoloxías no propio proceso xudicial.

Contidos e relatores

Os contidos da VI Xornada de Informática Xudicial abordarán a privacidade, a e-xustiza e a seguridade en infraestruturas críticas. A sesión comezará cun primeiro relatorio de Samuel Parra, avogado TIC e autor dun dos blogs máis seguidos e premiados sobre protección de datos, que falará da repercusión da ciberdelincuencia na privacidade. Despois, Francisco García Morán, conselleiro xefe TIC da CE, explicará as políticas comunitarias en favor dunha maior ciberseguridade e Iñaki Vicuña, director do Centro de Documentación Xudicial, exporá a incorporación das TIC á Administración de Xustiza.

O programa matinal da xornada complétase cunha mesa redonda sobre privacidade, seguridade e xustiza, que será moderada por Victor Salgado, avogado TIC e director técnico desta VI Xornada de Informática Xudicial.

Polo serán intervirá David Barroso, fundador de CounterCraft, unha startup española que está revolucionando o panorama da ciberseguridade aplicando técnicas de contraespionaxe, e que ten entre os seus clientes a empresas e gobernos de todo o mundo aos que asesora para definir e desenvolver campañas de contraintelixencia dixital. Entre outras, protexe os datos informáticos de empresas do IBEX.

E para poñer fin á sesión, Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, intervirá como relator-moderador dunha mesa redonda sobre os medios de proba dixitais.