O CPEIG mantén aberta a convocatoria do primeiro premio Open Data ata o 12 de xuño

Luns 04 de Xuño de 2012

O CPEIG mantén aberta a convocatoria do primeiro premio Open Data ata o 12 de xuño

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG)  convoca o Primeiro Premio Open Data, dirixido a fomentar o coñecemento e potenciar o espírito emprendedor en Galicia. O concurso quere ser un estímulo para o desenvolvemento de aplicacións no Open Data, que aposta por que determinados datos estean dispoñibles de xeito libre para todo o mundo, sen restricións nin de copyright nin de patentes, ou outro mecanismo de control.

O prazo de recepción de candidaturas finaliza o  12 de xuño e dous días despois, o 14, os concursantes poderán defender os seus proxectos en público, nunha xornada que se celebrará no edificio Cersia, en Santiago de Compostela. As persoas interesadas en concorrer ao premio poden obter máis información no portal do CPEIG: http://www.cpeig.org/portal/.

Patrocinadores
En canto aos premios, o proxecto gañador recibirá 600€; o segundo clasificado, 400€ e 200 euros o terceiro. Como patrocinadores dos galardóns actúan as empresas Bahía Software e Hewlett-Packard, ademais do Concello de Santiago de Compostela. Colabora na iniciativa a Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega), da Xunta de Galicia.

A organización do premio destaca que o Open Data  constitúe un  elemento xerador de emprego e riqueza ao abrirlles oportunidades de negocio aos emprendedores, que poden crear novas aplicacións, servizos e produtos en base a esta información.