O CPEIG e a Amtega celebran mañá a segunda edición de rapaciñ@s para promover o uso seguro de internet entre os nenos
O evento desenvolverase a partir das 17.00 horas, na Cidade da Cultura, cunha charla para pais e nais a cargo da psicóloga social Dolores Reig e obradoiros infantís
A Cidade da Cultura acollerá mañá sábado, 14 de maio, a segunda edición de Rapaciñ@s: a tecnoloxía ben segura, unha iniciativa posta en marcha polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Trátase dun evento que combina actividades para pais e nenos ao redor da seguridade na Internet e a creatividade nas novas tecnoloxías.
A xornada, que se desenvolverá no Edificio CINC, arrincará ás 17.00 horas cos obradoiros de Minecraft, scratch e robótica educativa, dirixidos a nenos e nenas de 8 a 14 anos. Preto dun cento de rapaces participarán ao longo da tarde nestas actividades, desenvolvidas polas empresas Arkitas Robótica e Tech Academy.
Charla para nais e pais
Mentres, os pais e nais terán a oportunidade de asistir á charla “Internet non é doutro mundo: acompañando os nosos rapaces na nova contorna dixital” a cargo de Dolors Reig. O relatorio comezará ás 17.30 horas.
Dolors Reig é psicóloga social, conferenciante, consultora e profesora en distintas universidades, empresas, organizacións e eventos. Actualmente dirixe a academia El Caparazón en especialidades de psicoloxía e social media e é a editora principal do recoñecido blog El Caparazón, no que aborda cuestións como a educación 2.0, as redes sociais e a innovación, entre outras.
Ademais, nos vindeiros meses, Rapaciñ@s percorrerá Galicia con charlas informativas a cargo das colexiadas e colexiados do CPEIG e obradoiros infantís. Por unha banda, familias e tamén docentes atopan información e recursos de interese; por outra, nenas e nenos adquiren hábitos seguros para navegar na Rede e desenvolven a súa creatividade tecnolóxica a través de actividades pensadas para que se divirtan e aprendan.
Límites e oportunidades
A era dixital abre un mundo de posibilidades que require un bo uso das novas ferramentas por parte das nenas e nenos. Rapaciñ@s vai de normas e límites para un uso seguro da Internet e tamén de valores e oportunidades na esfera dixital.
Na enquisa feita aos asistentes das xornadas ”Navega con Rumbo polo Ciberespazo”, impulsadas polo CPEIG en máis de 170 centros, en relación á pregunta "Que outros aspectos do campo das novas tecnoloxías cre que serían necesarios abordar en charlas no seu centro?" resultaron destacadas dúas temáticas: as redes sociais e menores,elixida polo 75,58% dos participantes, e técnicas de control parental, elixida polo 58,72% dos participantes. Destas preocupacións nace a iniciativa Rapaciñ@s.