O Consello de Turismo de Galicia informa favorablemente sobre o Plan sectorial de Retegal

Martes 12 de Febreiro de 2013

O Consello de Turismo de Galicia informa favorablemente sobre o Plan sectorial de Retegal

Nava Castro, a secretaria xeral para o Turismo, presidiu a sesión extraordinaria do órgano consultivo do Turismo galego na que, ademais, se aprobou a acta constitutiva do mesmo

O informe favorable do Consello de Turismo de Galicia, solicitado pola AMTEGA, é preceptivo para a aprobación do Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal

O operador público conta con case 200 centros de telecomunicacións e construirá outros 99 en 2013 para facilitar a extensión da banda larga en toda a Galicia

Evacuar os informes e consultas que sobre plans e proxectos en materia turística que lle sexan solicitados por calquera das Administracións Públicas de Galicia e emitir informe con carácter preceptivo sobre os plans sectoriais de interese xeral, son, segundo explicou hoxe a secretaria xeral para o Turismo funcións do Consello do Turismo de Galicia. O órgano consultivo do Turismo galego reuniuse esta mañá con carácter extraordinario para informar favorablemente sobre o Plan sectorial de implantación e desenvolvemento das infraestruturas da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia xestionadas por Retegal.

A empresa pública Retegal, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), está a desenvolver un papel clave no Plan de Banda Larga para posibilitar a conexión a Internet de todos os galegos. Actualmente conta conta con máis 200 centros de telecomunicacións e construirá 99 centros máis en 2013 para facilitar a extensión da banda larga en toda a Galicia.

O Plan Sectorial de Retegal ten como obxectivos ordenar axeitadamente as infraestruturas existentes, formular a evolución previsible a medio e longo prazo, e estimar as necesidades das mesmas. Así mesmo analiza as posibilidades de implantación de novas infraestruturas e instalacións para determinar os principais criterios de instalación.

Deste xeito o plan permitirá o aproveitamento de toda a infraestrutura pública actual e a redución dos custos do despregamento de banda larga mediante a reutilización destes emprazamentos polos distintos operadores privados para proporcionar este servizo aos cidadáns das zonas máis illadas orograficamente.

Segundo explicou a secretaria xeral para o Turismo, que presidiu hoxe a sesión extraordinaria do Consello de Turismo de Galicia, “hoxe reúnese por segunda vez, tras a sesión constitutiva do Consello que tivo lugar o pasado 14 de setembro de 2012, os integrantes deste foro participativo dos axentes públicos e privados que desenvolven o seu traballo diario no eido do turismo ou ben en materias de clara incidencia neste sector, clave para a economía galega”. Nava Castro incidiu a este respecto en que “o Turismo de Galicia quere ser a voz do sector turístico e nesta liña traballamos dende a nosa chegada ao actual Executivo”. “A Axencia de Turismo de Galicia é o noso primeiro obxectivo e a semana que ven constituirase a Axencia de Turismo de Galicia coa realización da sesión constitutiva do Consello Reitor”, explicou. A secretaria tamén avanzou que dende o seu departamento trabállase na elaboración do Plan Integral de Turismo, en consenso co sector, que conformará a folla de ruta dos vindeiros catro anos e a ferramenta coa que traballará a Administración Turística galega nos vindeiros oito anos”.

En relación á colaboración con outros entes da Administración galega, Nava Castro matizou que “cómpre entender o turismo como un elemento transversal e de que se establezan colaboracións intersectoriais e tamén con outros departamentos da administración para xerar sinerxias e unir esforzos, así como para facer rendible o gasto”.

Na sesión extraordinaria do Consello de Turismo de Galicia aprobouse ademais a acta da sesión constitutiva do Consello de Turismo de Galicia na que se recollían os antecedentes e obxectivos do Consello e mais a presentación dos seus membros. Tamén se crearon tres comisións de traballo –normativa, de suxestións e seguimento e mais de informes- e se estableceron as directrices para a elaboración do Plan Integral de Turismo de Galicia.

A Comisión de Informes tense reunido en dúas ocasións e a de normativa nunha ocasión e convocarase de novo para os tres proxectos de decreto que se están tramitando dende principios de ano –Decreto de declaración de Municipio Turístico; Decreto de Declaración de Festas de Interese Turístico de Galicia e mais Decreto para regular a profesión de Guía de Turismo de Galicia-; así mesmo, cóntase coa convocatoria en breve para o Decreto de Establecementos Hoteleiros.