O Consello da xunta aproba o proxecto de decreto polo que se modifican os estatutos da sociedade Redes de Telecomunicacións Galegas Retegal S.A.

Venres 06 de Agosto de 2010

O Consello da xunta aproba o proxecto de decreto polo que se modifican os estatutos da sociedade Redes de Telecomunicacións Galegas Retegal S.A.

A modificación atribúe a presidencia do operador público de telecomunicacións á titular da S.X. de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e a vicepresidencia ao titular da S.X. de Medios

Retegal S.A. supón unha ferramenta imprescindible que posibilitará colocar á Comunidade galega nun posto de referencia en canto ás tecnoloxías da información e a comunicación

Apoia a idea defendida polo Executivo galego de que as políticas de impulso ás novas tecnoloxías e ao desenvolvemento da Sociedade da Información deben xogar un papel crucial no conxunto das políticas públicas

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de onte o proxecto de decreto polo que se modifican os estatutos da Sociedade de Redes de Telecomunicacións Galegas Retegal S.A.

O Decreto 325/2009 do 18 de xuño de Estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Xunta de Galicia, atribúe a competencia de planificación e coordinación das funcións atribuídas a Retegal S.A. á Secretaría Xeral de Medios e á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, quedando establecido un réxime de colaboración entre os dous órganos superiores dependentes da Presidencia do Goberno galego.

Por esta razón, considerouse necesaria a modificación dos estatutos desta sociedade coa finalidade de adaptar a representación no Consello de Administración aos titulares dos órganos con competencia en materia de telecomunicacións e desenvolvemento da sociedade da información, atribuíndo a presidencia do mesmo ao titular da S.X. de Modernización e Innovación Tecnolóxica, e a vicepresidencia ao titular da S.X. de Medios.

Neste contexto, a modificación do artigo 16 dos estatutos establece tamén que, o Consello de Administración estará integrado por un número de conselleiros non inferior a tres nin superior a sete; que a elección destes corresponde á Xunta Xeral de Accionistas; e que o secretario do Consello será elixido por este a proposta do seu presidente debendo ser licenciado en dereito. 
 

Retegal S.A.
A sociedade pública Rede de Telecomunicacións de Galicia, Retegal S.A. foi creada polo Decreto 58/1997 do 20 de febreiro, asumindo a xestión de infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións da Xunta de Galicia.

Retegal é unha sociedade anónima de nacionalidade española e capital social integramente de titularidade pública destinada á prestación de servizos de telecomunicacións en Galicia. Ademais tamén ten por obxecto a planificación, instalación, xestión, mantemento e explotación de infraestruturas, sistemas e servizos de telecomunicacións en Galicia, así como a elaboración de propostas, análises e estudos relacionados cas telecomunicacións que lle correspondan á Comunidade Autónoma.

Esta sociedade ten a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos autónomos no referente á realización de actividades propias do seu obxecto social que se lle encarguen, estando obrigada a realizalas.
 

Obxectivos Estratéxicos
Neste sentido supón unha ferramenta imprescindible que posibilitará colocar á Comunidade galega nun posto de referencia en canto ás tecnoloxías da información e a comunicación apoiando, deste xeito, o convencemento da Xunta de Galicia de que as políticas de impulso ás novas tecnoloxías e ao desenvolvemento da Sociedade da Información deben xogar un papel crucial no conxunto das políticas públicas.

Entre os obxectivos estratéxicos desta sociedade están os de dar respaldo ao despregamento de infraestruturas necesarias para garantir a prestación dos servizos de difusión dixital; constituírse nun instrumento de apoio para o desenvolvemento de políticas transversais da Xunta de Galicia en relación coa Sociedade da Información e participar de forma activa na acción innovadora dos axentes públicos e privados de Galicia  no eido das telecomunicacións.

A potenciación deste operador público atópase incorporada nas accións do Plan de Banda Larga que se está a levar a cabo para o despregue de infraestruturas de telecomunicacións. Os investimentos da S.X. de Modernización e Innovación Tecnolóxica permitirán converter Retegal nun novo ente que dotará de conectividade a todo o territorio galego.