O concurso do Servizo de Desenvolvemento e Soporte de Software do Sergas dá continuidade a un contrato iniciado polo Goberno bipartito, e a Xunta limitouse a renovalo rebaixando substancialmente o seu importe

Xoves 19 de Maio de 2011

O concurso do Servizo de Desenvolvemento e Soporte de Software do Sergas dá continuidade a un contrato iniciado polo Goberno bipartito, e a Xunta limitouse a renovalo rebaixando substancialmente o seu importe

O contrato licítase por 253.452,67 euros, en vez dos 316.800 anuais polos que se licitara na anterior lexislatura, o que supón un aforro de máis de 63.000 euros

Sanidade apela ao rigor e á responsabilidade do líder da oposición nas súas declaracións, a pesares de atoparse en vésperas dunha cita electoral

O concurso público para o servizo de desenvolvemento, mantemento e soporte de software do Servizo Galego de Saúde dá continuidade a un contrato do anterior Executivo que iniciou a súa actividade o 1 de agosto de 2007. Polo tanto, Sanidade apela ao rigor e á responsabilidade do líder da oposición nas súas declaracións, a pesares de atoparse en vésperas dunha cita electoral.

De feito, o propio concepto Obxecto do concurso ten a mesma finalidade que a o concurso do ano 2007, que reza: “Preténdese contratar o soporte técnico, mantemento e evolución dunha relación de aplicacións vinculadas a procesos especiais desenvolvidos no Servizo Galego de Saúde en dous ámbitos fundamentais”, xestión económica e recursos humanos.

Unha vez máis, dende a Xunta laméntase que cada vez que o dirixente do PSdeG realiza declaracións relacionadas coa sanidade sexa ou para posicionarse ao lado dos intereses das multinacionais farmacéuticas ou para acusar aos profesionais sanitarios de Galicia de dar altas por 30 euros e non pedir desculpas; e agora para cuestionar a continuidade dun contrato de mantemento de software asinado por un goberno do que el mesmo formaba parte.

Así mesmo, cómpre destacar que na renovación rebáixase de forma substancial o seu importe, xa que se licita por 253.452,67 euros en vez dos 316.800 anuais polos que se licitara na lexislatura pasada. Isto supón un aforro de máis de 63.000 euros.

O contrato vixente actualmente denomínase Contratación dun servizo técnico de soporte, mantemento e evolución do sistema CP e outras aplicacións centralizadas do Sergas. Agora detállase máis no seu título o obxecto final do contrato -que non varía-, pasando a denominarse Contratación dos servizos de xestión de incidencias, xestión de problemas, xestión da entrega, xestión do cambio e desenvolvemento de aplicacións centralizadas de control do gasto e control orzamentario e proceso de selección fixa de RRHH do Sergas.

A Consellería de Sanidade e o Sergas contan con sistemas centralizados de software que soportan procesos no eido da xestión económica e dos recursos humanos. A través desta contratación quérese dar continuidade ao sistema informático para la xestión económica ACP (que consolida e centraliza toda a información para a tramitación económico-orzamentaria dos centros de xestión do Sergas); o sistema informático de xestión de material de subministro; e a aplicación informática de xestión dos procesos de selección de persoal fixo que se veñen utilizando nestes últimos anos, dende 2007. Polo tanto, non se produce ningunha variación na súa xestión.

Todos estes sistemas de software deben adaptarse continuamente para adecuarse ás novas necesidades dos procesos que soportan. Polo tanto, é preciso mantelos; continuar coa súa evolución por cambios nos procesos que soportan; e garantir a súa correcta adaptación ás necesidades dos usuarios e á evolución continuada da plataforma tecnolóxica do Servizo Galego de Saúde.