O Concello de Padrón, en colaboración coa Amtega, celebra un Hackatón solidario para adaptar os computadores da aula CeMIT ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual

Mércores 04 de Novembro de 2015

O Concello de Padrón, en colaboración coa Amtega, celebra un Hackatón solidario para adaptar os computadores da aula CeMIT ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual

Unha vintena de programadores, deseñadores e emprendedores achegan de xeito altruísta as súas ideas para o deseño e desenvolvemento de ferramentas que faciliten a usabilidade e accesbilidade dos equipos.

É unha iniciativa enmarcada dentro do programa CeMIT-Innova 2015, impulsada pola Axencia, para promover e facilitar propostas de innovación social dixital en Galicia.

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, visitaron hoxe o I Hackatón Solidario “Intro para todos” que busca mellorar a usabilidade e accesibilidade dos ordenadores da aula CeMIT local coas achegas da cidadanía.

O Hackatón, convocado polo Concello, a Amtega e a Asociación de Pais e Nais con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (AMIPA), celébra na aula CeMIT local na que unha vintena de programadores, deseñadores, e emprendedores están a expoñer e intercambiar ideas para o deseño e desenvolvemento dunha ferramenta que facilite a persoas con discapacidade intelectual o uso dos computadores.

O obxectivo é conseguir unha proposta, baseada en software libre, que permita instalar nos ordenadores da aula un sistema de autenticación alternativo, adaptado a colectivos especiais, con ou sen competencias en lectoescritura, e un perfil de escritorio accesible, que recolla en pictogramas as principais ferramentas e aplicacións utilizadas polas persoas con discapacidade intelectual.

A xornada comezou ás 9:00 horas coa exposición de ideas e a composición dos grupos de traballo. Tras varias sesións de traballo e networking, cada equipo desenvolverá un prototipo e unha demostración do mesmo. Ao remate da xornada, en torno ás 20.00 horas, un comité de expertos avaliará as propostas e determinará cal é a opción elixida, sobre a que se poderá desenvolver un futuro aplicativo que mellore a accesibilidade dos equipos.

CeMIT-Innova
O Hacaktón “Intro para todos” é dunha iniciativa piloto enmarcada no proxecto CeMIT-Innova, promovido pola (Amtega, en colaboración con Fundetec, para que a innovación social dixital poida dar resposta aos desafíos sociais locais, servíndose das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e de modelos de colaboración en rede.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.