O Complexo Hospitalario de Ourense conta co primeiro TAC intraoperatorio instalado en Galicia

Xoves 07 de Abril de 2011

O Complexo Hospitalario de Ourense conta co primeiro TAC intraoperatorio instalado en Galicia

A principal vantaxe é a plena accesibilidade á imaxe radiolóxica, en tempo real en quirófano e durante a intervención, gañando en rapidez e seguridade para paciente e profesionais

De gran utilidade para as intervencións complexas de neurocirurxía e columna, as súas características servirán para abordar distintos procedementos de traumatoloxía, cirurxía vascular e otorrinolaringoloxía.

Seu uso por parte de Cirurxía Vascular será fundamental para acurtar os tempos de intervención, vitais nos casos de roturas de aneurisma abdominal de aorta, evitar TACs de control e unha cirurxía traumatolóxica mais precisa

O Complexo Hospitalario de Ourense conta xa co primeiro TAC intraoperatorio que se instala nun hospital galego, alta tecnoloxía que permite o acceso a imaxes radiolóxicas en tres dimensións en quirófano, en tempo real e durante a intervención, coa vantaxe que elo supón para as intervencións complexas de neurocirurxía, traumatoloxía, cirurxía vascular e otorrinolaringoloxía, gañando en rapidez e seguridade para pacientes e profesionais.

O acceso a imaxe médica en tempo real do campo operatorio -multidimensional en dous dimensións, volumétrica en 3D ou fluoroscópica-, é a súa principal vantaxe, xa que non é preciso contar con estudios radiolóxicos previos á operación, característica de gran utilidade en intervencións urxentes, e evita a necesidade de realizar probas de imaxe para controlar os resultados post-cirúrxicos, xa que se realizan directamente en quirófano.

Todo elo vai na liña de “poñer a alta tecnoloxía ao servizo do paciente”, como subliñou hoxe a xerente xeral do CHOU, Eloína Núñez Masid, na presentación do novo equipo, do que destacou, permitirá realizar unha cirurxía mais segura, en menor tempo e con maior eficacia, acurtando os tempos de intervención e de hospitalización, coa vantaxe e aforro engadido de evitar a repetición de estudios radiolóxicos, minimizando tamén a radiación.

Un sistema innovador que comeza a implantarse

Este sistema de imaxe intraoperatorio é plenamente portátil, o que fai posible seu uso dentro do quirófano, súa mobilidade dentro del, e seu traslado no bloque cirúrxico á sala na que sexa preciso, grazas ao seu sistema de rodas motorizadas, o que facilitará seu aproveitamento por parte dos distintos servizos.

O novo TAC portátil, presenta un deseño en forma circular, que se abre e pecha ao redor do paciente, permitindo manter o equipo estéril. Ademais, unha vez pechado, o detector de imaxe xira no interior do aro, evitando así partes móbiles que entorpezan o traballo dos profesionais.

Desde a súa instalación, o Servizo de Neurocirurxía xa o empregou en tres intervencións. A súa responsable, Ana Pastor Zapata, destacou as súas vantaxes nas fixacións de columna, destacando o acurtamento dos tempos de intervención, ao igual que nas cirurxías da base cranial e de hipófise nas que “gañamos en seguridade, para o paciente, diminución das complicacións neurolóxicas e aforro de tempo cirúrxico, reducindo riscos”.

Asemade, Ana Pastor destacou a especial utilidade do novo equipo na intervención dos tumores cerebrais mais agresivos, xa que permite unha maior efectividade e seguridade en canto á plena extracción dos tecidos malignos.

Cirurxía mais precisa e segura

Pola súa parte, José Ramón Quiroga Gayoso, xefe do Servizo de Traumatoloxía, coincidiu na vantaxe que representa para a abordaxe das fracturas vertebrais, e destacou a especial utilidade do seu uso nas fracturas óseas conminutas, ou en múltiples fragmentos, especialmente no caso das articulacións e pequenos ósos das mans ou pés, nas que agora evitarase a realización dun TAC preoperatorio e, xa durante a operación, permitirá precisar mais o alcance destas lesións, podéndose actuar en tempo real, evitando reoperacións.

Anabel Barrios Castro, do Servizo de Cirurxía Vascular, destacou o especial avance e mellora no tratamento da aorta, concretamente os aneurismas de aorta abdominal. Barrios destacou o alto número de tratamentos endovasculares que se realizan en Ourense, derivados da alta idade media da nosa poboación de referencia, o que obriga a realizar un elevado número de controis angio-TAC post-proceso, cunha cadencia de un mes, tres meses, seis e a un ano que, co seu uso en quirófano poden limitarse.

Mais importante aínda será a súa utilidade na cirurxía vascular de emerxencia, especialmente nas roturas de aneurisma abdominal de aorta, onde, segundo precisou Anabel Barrios, os tempos de actuación médica son vitais. Para estas intervencións os cirurxiáns precisan contar cunha unha imaxe TAC, previa a entrada en quirófano, paso que co novo equipamento poderá evitarse, gañando un tempo vital.