O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia verifica a calidade do servizo que ofrecen os operadores do plan de banda larga da Xunta

Sábado 31 de Maio de 2014

O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia verifica a calidade do servizo que ofrecen os operadores do plan de banda larga da Xunta

Comprobou in situ en máis de 500 núcleos das catro provincias que se cumpren os niveis de cobertura, velocidade e dispoñibilidade esixidos nas convocatorias de axudas do Plan.

Verificáronse as conexións de internet con redes fixas en 37 centros de servizos públicos confirmando en todos os casos o cumprimento dos niveis de calidade establecidos.

Respecto ás redes sen fíos, as medidas realizadas en 474 núcleos de poboación indican que xa se superan os niveis de servizo requiridos no 91,5% dos casos.

Na porcentaxe restante estanse a levar a cabo melloras da cobertura para acadar as cotas de calidade esixidas.

O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) realizou medidas de control e seguimento en 511 núcleos de poboación obxectivo do Plan Banda Larga coas que verificou que os operadores cumpren os niveis de cobertura, velocidade e dispoñibilidade esixidos nas convocatorias de axudas do Plan.

Esta auditoría, recollida nun convenio asinado en 2013 entre Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e o COETG, realizouse tanto nas zonas nas que se despregaron redes fixas como redes sen fíos no marco do Plan de Banda Larga. Esta medida complementa o seguimento exhaustivo das actuacións dos operadores que está a realizar a Xunta, a través da Amtega, tanto no referido ao despregamento de infraestruturas, como ao investimento comprometido.

Redes fixas
No que atinxe ás redes fixas, o COETG analizou as novas conexións de banda larga en enderezos representativos desta acción do Plan. Escolléronse 37 centros de servizos públicos que dispuxeron de nova conexión ADSL grazas ao Plan distribuídos xeograficamente ao longo do territorio galego.

Os resultados do seguimento realizado nestes 37 centros, confirmaron o cumprimento dos niveis de calidade establecidos nesta acción do Plan.

Redes sen fíos
Respecto ás redes sen fíos, executadas ao abeiro das axudas públicas para a extensión de redes de banda larga en máis de 11.000 núcleos de poboación na contorna rural de Galicia, elixiuse unha mostra de 474 núcleos repartidos nas catro provincias.

O resultado final das comprobacións confirmou que no 91,56% dos casos cúmprese cos valores obxectivo de calidade establecidos nesta acción do Plan. Nos restantes casos, que supoñen un 8,44% do total, o resultado das verificacións indican que é recomendable realizar actuacións de mellora de cobertura nestes núcleos, que xa se están abordar.

Máis do 97% de poboación con cobertura
O Plan de Banda Larga de Galicia facilitou o acceso a Internet a 700.000 galegos que carecían deste servizo, superando o 97% de poboación con cobertura a través de redes fixas e sen fío e coa previsión de superar o 97,5 % ao remate do 2014.

A poboación restante dispón da alternativa de acceso á Internet vía satélite, contando dita opción cunha subvención da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader). O prazo para acceder a estas axudas está aberto ata o 30 de agosto de 2014.