O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación auditará a calidade do servizo que ofrecen os operadores colaboradores do Plan de banda larga da Xunta
Comprobará in situ en núcleos das catro provincias que se cumpren os niveis de cobertura, velocidade e dispoñibilidade esixidos nas convocatorias de axudas do Plan
O Colexio organizará unha xornada divulgativa para técnicos municipais e axentes do sector sobre o novo escenario lexislativo en materia de telecomunicacións
O Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (COETG) comprobará e verificará a calidade do servizo que están a ofrecer os operadores beneficiarios das axudas do Plan de Banda Larga da Xunta. É unha das medidas recollidas no convenio de colaboración asinado esta mañá en Santiago pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Mar Pereira, e o decano do COETG, Ramón Bermúdez de Castro.
Para realizar esta actuación o Colexio creará un grupo específico de traballo integrado por enxeñeiros de telecomunicación de diferentes perfís que comprobarán in situ, en núcleos das catro provincias beneficiados polas actuacións do Plan, que os operadores cumpren o caudal esixido nas convocatorias de axudas das que resultaron beneficiarios.
Este seguimento e control realizarase tanto para o despregamento redes fixas como de redes sen fíos que se están a implantar dentro das liñas de acción do Plan de Banda Larga da Xunta en toda a Comunidade.
Tres anos despois da súa posta en marcha, o Plan conseguiu facilitar o acceso á Internet a máis de 655.000 galegos dos 786.000 que non dispoñían deste servizo en 2009. A previsión do Plan e iniciar o 2014 cunha Galicia totalmente conectada.
Esta auditoría do COETG, complementa o seguimento exhaustivo que está a realizar a Xunta, a través da Amtega, das actuacións dos operadores, tanto no referido ao despregamento de infraestruturas, como ao investimento comprometido para garantir o cumprimento de todas as obrigas establecidas no Plan.
Xornada Divulgativa
O acordo asinado esta mañá establece tamén a celebración dunha xornada divulgativa para técnicos municipais dos 315 concellos galegos operadores e axentes do sector sobre o novo escenario lexislativo do eido das telecomunicacións e boas prácticas nos despregamentos.
O programa desta xornada técnica abordará as medidas máis relevantes da “Lei de impulso e ordenación de infraestruturas de telecomunicacións de Galicia”, que busca asegurar que os despregamentos das infraestruturas de telecomunicación se van a levar a cabo de xeito ordenado e eficiente e que establece os criterios a seguir nesta materia nas ordenanzas municipais.
Tamén se analizará o actual escenario normativo para a tramitación de licenzas como resultado da nova lexislación estatal.
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia achegará ao Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación 65.000 euros para o desenvolvemento das dúas actuacións que se recollen no acordo.