O Colexio de Enxeñaría Técnica Informática organiza o seminario "Os menores e o uso seguro das redes sociais"
Conceptos como ciberbulling, o grooming ou o sexting serán estudados a fondo nestas xornadas
O obxectivo é sensibilizar a pais/nais e titores acerca dos principais riscos que existen na rede para os menores
A sesión poderá ser seguida por videoconferencia dende diversos puntos de Galicia
O próximo 26 de Setembro terá lugar en Santiago de Compostela o seminario gratuíto “Os menores e o uso seguro das redes sociais” organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG); unha actividade enmarcada no convenio asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e en colaboración co Centro Demostrador TIC de Galicia.
As redes sociais, internet, e as novas tecnoloxías en xeral teñen un enorme potencial e ofrecen unha morea de oportunidades, pero tamén supoñen importantes riscos se o uso que se lle dá a estas ferramentas non é o axeitado. Na actualidade, é moi frecuente que os menores superen aos seus pais no manexo do mundo dixital, o cal pode dificultar o seu labor de mediación.
Estas xornadas están dirixidas especialmente a pais, tutores e formadores, así como a profesionais do sector da educación, e o seu obxectivo é sensibilizar acerca dos principais riscos que existen na rede para os menores e ao mesmo tempo proporcionar os recursos necesarios para axudarlles na prevención dos mesmos e a minimizar as súas consecuencias.
Nas xornadas intervirán expertos na materia como a Fiscal Delegada de Criminalidade Informática na provincia de Pontevedra, Marta García de la Concha; o responsable do equipo de Delincuencia Tecnolóxica da Comandancia da Garda Civil en Pontevedra, Gonzalo Sotelo; a Pedagoga do Soporte de Usuarios en Tuenti, Blanca Díaz-Pabón Bascuñán e os Enxeñeiros Técnicos en Informática– Colexiados do CPETIG, Jonathan Gándara Alonso e Enrique González Sanmartín.
Conceptos como ciberbulling (acoso entre menores), o grooming (acoso entre un adulto e un menor), ou o sexting (envío de fotografías sexuais), que por desgraza empezan a ser de uso corrente, serán obxecto principal destas charlas, nas que tamén se tratarán a fondo temas como “o menor como vítima ou responsable de delitos cometidos a través de internet”, “a privacidade e seguridade en Tuenti”, “verdades e mentiras das redes sociais” ou “consellos para o uso seguro destas ferramentas”.
Aqueles que o desexen poderán asistir ás xornadas de xeito presencial ou a través de videoconferencia dende diversos puntos de Galicia, a través das aulas da Rede CeMIT situadas en Fisterra, Boiro, Betanzos, Burela, Lugo, A Guarda, Leiro, Pontedeume, Celanova, Ortigueira, Barreiros, Xunqueira de Ambía, Vilanova de Arousa, Verín, Valga, O Porriño, Ponteareas, Lalín, A Coruña e Sarria.
Sobre o CPETIG
O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia xorde no ano 2007 como unha corporación de dereito público cuxo obxectivo é organizar, protexer, mellorar e velar por un axeitado exercicio da profesión.
O Colexio, que está comprometido co desenvolvemento tecnolóxico de Galicia, cumpre un importante papel dentro do ámbito da Enxeñaría Técnica en Informática e serve como garante de que o exercicio da profesión se axuste ás normas e ás regras que aseguren a eficacia e a eventual responsabilidade de tal exercicio.
Dende o CPETIG cremos que educar aos menores no uso das novas tecnoloxías debe ser unha prioridade; debemos preparalos para afrontar a cara menos amable da Rede e dese modo dar forma ao seu futuro dixital, para o cal se torna imprescindible a colaboración entre pais, educadores e a sociedade en xeral.
DATA: Xoves 26 de setembro de 2013
HORARIO: De 16.00-20.00 horas
LUGAR: Centro Demostrador TIC. CNTG, Rúa Airas Nunes, s/n – Conxo. Santiago de Compostela. / Videoconferencia Aulas CeMIT