O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática celebra en Compostela as II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos

Domingo 06 de Novembro de 2011

O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática celebra en Compostela as II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos

Esta actividade enmárcase no convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Modernización e o CPETIG

Búscase establecer un punto de encontro periódico que permita reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia está a organizar, en colaboración coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, as “II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos” que terán lugar en Santiago os días 11 e 12 de novembro. 

A través de relatorios e mesas redondas as Xornadas buscan informar aos xuíces e maxistrados dos avances en materia probatoria no caso de delitos informáticos. A idea é sensibilizar sobre a axuda que poden prestar os peritos informáticos nas causas xudiciais e sobre o que se pode probar e que non.

As xornadas, que terán lugar no Hotel AC Palacio del Carmen (Santiago de Compostela), contarán coa presenza, entre outros, do xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, ou da Fiscal Xeral en Criminalidade Informática, Elvira Tejada de la Fuente.

Programa
As II Xornadas de Informática Xudicial e Delitos Informáticos contarán cun completo programa de relatorios e mesas redondas organizadas en dúas sesións. O venres 11 de novembro os relatorios correrán a cargo do Maxistrado e Director do Servizo de Modernización e Organización Xudicial do Consello Xeral do Poder Xudicial, Joaquín Delgado Martín, e da Avogada e Socio Director de Razona Legaltech, Paloma Llaneza. A xornada completarase cunha mesa redonda titulada: “¿Estamos preparados para dar seguridade xurídica a un mundo xa dixital?”

Durante a segunda xornada do ciclo, o sábado día 12, os relatorios correrán a cargo do xuíz da Audiencia Nacional, Eloy Velasco, da Fiscal Xeral en Criminalidade Informática, Elvira Tejada de la Fuente, e do inspector Xefe do grupo de Análise de Software da sección de Informática Forense da Policía Nacional, Jorge Martín García. A xornada completarase cunha mesa redonda titulada: “Retos da xustiza ante a nova realidade informática”.

Para inscribirse nas Xornadas ou recibir máis información deste ciclo formativo pódese visitar a web do CPETIG (www.cpetig.org). O prezo da matrícula é de 60 €. A matrícula inclúe o cóctel do venres día 11, material para as xornadas e diploma de asistencia.

Colaboración
A celebración destas xornadas inscríbese no convenio de colaboración subscrito entre a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica e a o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática para realizar accións formativas no eido das peritaxes xudiciais e técnicas probatorias.

Con estas xornadas, que se celebrarán por segunda vez en Galicia, póñense á disposición do ámbito xudicial e xurídico de Galicia relatorios de expertos que informen da realidade e experiencias en canto á relación da informática co seu entorno. Así mesmo, quérese establecer un punto de encontro periódico que permita reunir e fomentar o debate entre os diferentes interlocutores do eido xudicial (maxistrados, xuíces, avogados, fiscais e peritos).

Búscase tamén transmitir á sociedade a relación existente entre a informática e o ámbito xudicial, tanto pola natureza dos delitos como polas ferramentas para a súa investigación, persecución e condena; así como por de manifesto os últimos avances nesta materia.