O CETMAR organiza un seminario sobre o aproveitamento das microalgas e as súas aplicacións industriais
No marco do proxecto BIOTECMAR, a xornada será o 10 de novembro na sede da Fundación en Vigo
Dirixido a un público interesado en coñecer as posibilidades de aplicación industrial destes organismos, o programa inclúe relatorios sobre o seu papel nos ecosistemas mariños, os sistemas de produción masiva, a modificación xenética ou o seu papel na acuicultura, entre outras cuestións
O Centro Tecnolóxico do Mar acollerá o vindeiro 10 de novembro na súa sede en Vigo un seminario sobre as microalgas como exemplo de valorización de organismos mariños e as súas aplicacións industriais. Ao longo de todo o día sucederanse os relatorios sobre o papel destes organismos nos ecosistemas mariños, os sistemas de produción masiva, a modificación xenética ou o seu papel no ámbito da acuicultura, entre outros temas.
O seminario, cuxa organización corre a cargo da Fundación CETMAR, está enmarcado no proxecto BIOTECMAR “Explotación BIOTECnolóxica de produtos e subprodutos mariños”, no que a institución galega traballa xunto a organismos e entidades de Portugal, España, Francia e Irlanda. Con ánimo de contribuír á diversificación das actividades vinculadas á xestión sustentable dos recursos mariños, o devandito proxecto pretende dar a coñecer e transferir ás empresas da Área Atlántica ferramentas biotecnolóxicas e procesos de valorización.
Nese marco desenvólvese agora o seminario sobre microalgas, que vai dirixido a un público interesado en coñecer as posibilidades que ofrecen estes organismos como fonte de materia prima, así como as súas múltiples aplicacións.
As microalgas constitúen un recurso abundante e enormemente diverso e, no caso de Galicia, presentan as súas propias singularidades. Sen embargo, e a diferencia do que acontece noutros países e incluso no resto de España, a súa posta en valor nesta comunidade autónoma está aínda lonxe do seu potencial.
O programa do seminario, que dará comezo ás 9.15 horas trala apertura a cargo da directora xerente do CETMAR, Paloma Rueda Crespo, contempla catro relatorios sobre os aspectos globais das microalgas –diversidade e fisioloxía; sistemas de produción masiva, colecións, modificación xenética- e outros catro sobre as súas aplicacións industriais –biocombustibles, acuicultura, alimentos funcionais e depuración