O CETMAR colaborou con máis de 200 organismos na execución de preto de 80 proxectos de investigación no último ano
A Xunta de Galicia financiou máis da metade das iniciativas, nas que o Centro Tecnolóxico do Mar traballou xunto a institucións, centros de investigación e empresas do sector marítimo-pesqueiro de Galicia, España e duns 30 países de todo o mundo
O Centro Tecnolóxico do Mar colaborou con máis de 200 organismos na execución de preto de 80 proxectos de investigación no último exercizo. O persoal da Fundación CETMAR traballou da man de institucións, centros investigadores e empresas do sector marítimo-pesqueiro de Galicia, de España e dunha trintena de países de todo o mundo. Máis da metade das iniciativas foron financiadas pola Xunta de Galicia. Así se desprende da Memoria anual do Centro correspondente ao ano 2009 que foi presentado hoxe pola directora xerente, Paloma Rueda Crespo, nun acto na sede da institución en Vigo.
O balance de 2009 fala ademais da execución dunha vintena de contratos, convenios ou encomendas con diferentes institucións e da participación en máis dun cento de eventos de difusión, divulgación ou formación. Tanto estes labores como o referido a proxectos contou coa participación de todos os traballadores da Fundación CETMAR.
No apartado económico, a institución situou os seus ingresos no último exercizo arredor dos aos 7 millóns de euros, cifra que se mantén na liña de anos anteriores. A maioría dos proxectos desenvolvidos –máis da metade- contou con financiamento da Xunta de Galicia, mentres que un de cada catro recibiu fondos da Administración do Estado. Outros 12 proxectos foron financiados pola Unión Europea a través de diversos programas.
A contaminación mariña ou o aproveitamento e valorización de recursos, residuos ou subprodutos da actividade pesqueira foron dúas das liñas de actuación que se mantiveron activas no último ano, ademais da acuicultura, a transferencia de tecnoloxía, a xestión de residuos sólidos derivados da actividade marítimo-pesqueira, a formación ou a tecnoloxía mariña. Neste último ámbito consolidouse a posta en marcha da nova Unidade de Tecnoloxías Mariñas, a máis nova das oito áreas nas que está estruturado o Centro Tecnolóxico do Mar.
Durante a presentación da Memoria 2009, a directora xerente do CETMAR destacou tamén a actividade no ámbito da cooperación internacional con accións encamiñadas á mellora do sector en países de África e América Latina. Paloma Rueda Prensa recordou que tanto esta como as restantes accións desenvolvidas pola institución están encamiñadas ao cumprimento de tres obxectivos sobre os que se sustenta a filosofía do Centro, como son “impulsar a cooperación entre institucións, centros de investigación e sector marítimo-pesqueiro; fomentar a implicación dos sectores dependentes do mar en actividades de I+D+I, e favorecer a eficiencia de todas as actividades relacionadas co uso e explotación do mar”.
Na actualidade, os traballadores da Fundación CETMAR están a traballar na execución de 64 proxectos de investigación. Deles, 15 puxéronse en marcha no presente ano. O resto seguen o seu curso dende o seu inicio en exercizos anteriores.