O Centro Multimedia de Galicia fará realidade a comunicación dos nenos galegos con Papá Noel a través dunha videoconferencia con Laponia

Sábado 12 de Decembro de 2009

O Centro Multimedia de Galicia fará realidade a comunicación dos nenos galegos con Papá Noel a través dunha videoconferencia con Laponia

Rapaces de distintos concellos galegos poderán falar con Papá Noel dende os telecentros de comunicación dos seus municipios a vindeira semana. Trátase dunha iniciativa máis do Centro Multimedia de Galicia para converter os telecentros de comunicación en puntos de encontro dentro dos concellos.

Os nenos galegos poderán falar con Papá Noel a través de videoconferencia grazas a unha iniciativa do Centro Multimedia de Galicia, que aproveita estas datas para poñer ao servizo dos máis pequenos os telecentros de comunicación (TC) que ten distribuídos por toda a xeografía galega. Polo momento, participan nesta iniciativa, que se levará a cabo a vindeira semana, os TC de Brión, Abegondo, Oroso, Verín, A Fonsagrada, Catoira, Quiroga, Lugo, Carballo, A Estrada, O Barco de Valdeorras, Foz, Monterroso, Betanzos, Muros, Becerreá, Vimianzo, Ourense, Negreira, Lalín, Chantada, A Cañiza, Redondela e Marín.

Dende Laponia e en tempo real, Papá Noel atenderá en directo as preguntas e demandas de todos os nenos que se acheguen para falar con el dende os telecentros de comunicación dos seus concellos. Trátase dunha iniciativa máis da campaña Comunícate coa que a Secretaría Xeral de Medios pretende dar a coñecer todas as posibilidades que ofrecen os telecentros de comunicación.

A través desta campaña preténdese converter os telecentros de comunicación (TC) en puntos de referencia, dentro de cada concello, como lugares de encontro, de formación e de promoción do audiovisual galego.

Asociacións e colectivos de todo tipo poden utilizar os telecentros de comunicación para realizar cursos, roldas de prensa, videoconferencias, reunións de traballo, etc…

Telecentro de comunicación
Un TC é un espazo acondicionado acusticamente e de estética particular que dispón de material informático (ordenadores, impresoras, etc.), equipo de videoconferencia, material audiovisual, pantallas de proxección e de plasma, así como outros sistemas de control que permiten recrear diferentes escenarios (accións formativas, videoconferencias, visionado de audiovisuais ou multimedia) dependendo das necesidades técnicas do evento que se queira desenvolver.