O Centro Demostrador TIC xa cubriu o 80% das prazas para a xornada sobre a xestión integral de empresas con software libre do 28 de xullo
Participan empresas tano do sector TIC como da loxística, da enerxía, da metalurxia e das industrias química e cultural
Continúa aberto o prazo de inscrición vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
Presentaranse ferramentas TIC baseadas en FLOSS para mellorar a produtividade das empresas galegas
O Centro Demostrador TIC de Galicia celebra o 28 de xullo unha xornada dedicada á Xestión Integral de Empresas con Software Libre, que xa ten cubertas o 80% das prazas. A sesión está dirixida aos profesionais e persoal técnico, autónomos, xerentes ou directivos das empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.
A boa acollida da xornada ponse de manifesto na ocupación das prazas dispoñibles, xa que, a día de hoxe, están cubertas 24 das 30 ofertadas. Tanto o perfil dos asistentes como os sectores de actividade das empresas e entidades ás que pertencen é moi variado o que da conta do carácter transversal da temática.
O 31% das empresas que asistirán pertencen ao sector TIC aínda que estarán representados outros sectores como loxística (15%), enerxía (15%), metalurxia (8%), industria química (8%) e industria cultural (8%), entre outros.
Obxectivo e programa
O obxectivo desta xornada é facer un percorrido por distintas solucións tecnolóxicas que permitan incrementar a produtividade das empresas a través da mellora da súa xestión, co nexo común de seren todas elas solucións con licenza libre. Isto abarata o seu custe de adquisición e posibilita a súa adaptabilidade ás necesidades reais por empresas galegas facilitando deste xeito que a inversión TIC das empresas xere negocio no propio sector TIC galego convertendo así a innovación tecnolóxica en motor económico.
O programa da Xornada, que se celebrará de dez da mañá a dúas da tarde comezará coa presentación das instalacións do Centro Demostrador TIC e continuará cunha charla Informativa sobre o software libre na empresa. A continuación exporanse casos de éxito e demostracións de solucións tecnolóxicas como:
Xestión e administración da infraestrutura Tecnolóxica: Zentyal presentado por Aitire, partner oficial de Zentyal en Galicia.
Xestión Integral: OpenERP presentado por Pexego, partner oficial de OpenERP en Galicia.
Xestión Documental: Alfresco presentado por Queres, partner recoñecido de Alfresco en Galicia.
Presenza en Internet, CMSs Libres – Joomla presentado por Wireless Galicia.
Comercio Electrónico para pemes: PrestaShop presentado por Redegal.
As empresas ou persoas interesadas aínda están a tempo de inscribirse vía web na ligazónhttp://cdtic.xunta.es/inscribir
Esta xornada conta coa colaboración da Asociación de Empresas de Software Libre de Galicia (Agasol).
Presenza de FLOSS no Centro Demostrador TIC
O CDTIC conta entre os seus obxectivos a difusión das vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos das empresas, especialmente entre os sectores estratéxicos de Galicia así como acreditar o impacto positivo destas solucións na produtividade e competitividade.
Neste marco, o Software Libre está chamado a ter un papel importante. As tecnoloxías libres facilitan o aliñamento da oferta do sector TIC coa demanda do tecido empresarial galego, a xeración de emprego cualificado nas empresas TIC galegas,... así como a xeración dun tecido TIC fundamentado no coñecemento, máis internacionalizable e internacionalizado. Á súa vez, as tecnoloxías libres están demostrando ser unha boa opción para os novos emprendedores e un importante elemento de diferenciación para as empresas xa establecidas.
O Plan de Acción FLOSS da Xunta de Galicia, contempla entre as súas accións promover o Software Libre no ámbito empresarial. Neste sentido, prevese a dinamización da presenza do software libre nas actividades do CDTIC, colaborando activamente co sector empresarial FLOSS para potenciar as actividades de difusión e formación nestas tecnoloxías.
CDTIC
O Centro Demostrador TIC de Galicia, inaugurado o pasado 27 de xuño, é unha iniciativa para promover o uso efectivo das TIC nas empresas galegas de cara ao cumprimento dos obxectivos estratéxicos definidos na Axenda Dixital 2014.gal. O obxectivo do CDTIC é facilitar a incorporación das micropemes e autónomos á Sociedade da Información e facer máis competitivos os sectores estratéxicos de Galicia mediante as incorporacións das TIC aos seus modelos de negocio (automoción, construción naval, enerxía, téxtil).
Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e conta cun investimento total para o período 2011 – 2013 de 2.720.875,71 €, cofinanciado con fondos FEDER.