O Centro Demostrador TIC ofrece nos meses de maio e xuño formación especializada a persoal directivo de empresas tecnolóxicas

Xoves 01 de Maio de 2014

O Centro Demostrador TIC ofrece nos meses de maio e xuño formación especializada a persoal directivo de empresas tecnolóxicas

Celebraranse catro cursos que abordarán desde a definición dunha estratexia empresarial, ás habilidades directivas ou a comercialización dun produto TIC ata a internacionalización das empresas do sector.

Impartiranse todos os xoves e venres desde 8 de maio ata o 6 de xuño en horario de 16.00 a 20.00 horas.

A asistencia é de balde previa inscrición na web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá, ao longo dos meses de maio e xuño, un total de catro actividades de formación específica para persoal directivo das empresas TIC galegas. Impartiranse todos os xoves e venres desde 8 de maio ata o 6 de xuño en horario de 16.00 a 20.00 horas.

O curso inaugural, que se celebrará os días 8 e 9 de maio, abordará a “Definición e planificación da estratexia das empresas TIC” (http://cdtic.xunta.es/planificacion-estratexia) e será impartido por Carlos López Navaza, socio fundador de LN Consultores. Nestas dúas xornadas de formación búscase mostrar, cun enfoque práctico, o proceso da orientación estratéxica da empresa como mecanismo de desenvolvemento da organización e como instrumento para involucrar o equipo da organización.

Habilidades directivas, comercialización e internacionalización
Na seguinte semana, os días 15 e 16 de maio, levarase a cabo o segundo dos cursos, dedicado ás habilidades directivas (http://cdtic.xunta.es/habilidades-directivas). Neste caso o relator será o psicólogo Alberto Mariño Fernández, quen, mediante esta acción formativa, pretende facilitarlles ás persoas asistentes o coñecemento das competencias e habilidades básicas para mellorar a interacción con outras persoas e mostrarlles as estratexias e técnicas de negociación, co obxectivo de mellorar a comunicación en público, o liderado e a motivación.

Pecharase o mes de maio, os días 22 e 23, cunha nova actividade, “Creación, desenvolvemento e comercialización dun produto TIC” (http://cdtic.xunta.es/Comercializacion_produtos_TIC), impartida por Isidro Fernández de la Calle, xerente comercial da empresa de telecomunicacións R. Nesta ocasión, as persoas que acudan ao curso obterán unha visión práctica sobre o proceso de desenvolvemento de novos produtos TIC e a súa comercialización. Outro dos obxectivos é conseguir unha maior competitividade da empresa mediante a especialización tecnolóxica, a través do desenvolvemento de novos produtos.

A última das accións formativas, dedicada á internacionalización das empresas TIC (http://cdtic.xunta.es/Internacionalizacion_TIC), celebrarase os días 5 e 6 de xuño e terá como relatores a Jesús Albizu, profesor no MIB da Escola de Negocios Caixanova, e Piedad Rojas, responsable de desenvolvemento de negocio da empresa Eosa en Colombia, que tratarán os aspectos clave á hora de iniciar un proceso de internacionalización: apertura de filiais, colaboracións na distribución de produtos ou servizos, deslocalización de procesos produtivos etc.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.