O Centro Demostrador TIC ofrece este venres un taller sobre xestión de custos e aforro coa tecnoloxía de voz sobre IP
A xornada celébrase o vindeiro día 13 de febreiro en horario de mañá, organizada pola empresa Northwest Advisors.
A asistencia, de balde, está dirixida a responsables TIC ou xerentes de mediana e grande empresa, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/.
A sesión retransmitirase vía Streaming a través da Web do CDTIC.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o 13 de febreiro unha sesión demostradora que leva por título “Taller TIC sobre voz IP. Xestión de custos e aforro coa tecnoloxía do futuro”, (https://cdtic.xunta.es/voz-ip) que se desenvolverá en horario de 11.00 a 13.00 horas.
Trátase dun taller no que se explicarán as vantaxes de implantar un servizo unificado de telefonía IP e internet simétrico garantizado de ata 500 Mb, co que se consegue que a telefonía IP chegue a zonas remotas ou de difícil acceso, dotándoas ademais dun servizo de internet de alta calidade para alcanzar unha excelente experiencia de usuario.
Esta sesión demostradora está destinada a responsables TIC ou xerentes de todo tipo de empresas. Encargarase de impartir o taller a empresa Northwest Advisors, asesores de telecomunicacións cun servizo técnico propio de centrais telefónicas.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. As persoas que non poidan acudir á demostración poderán seguila a través de streaming.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.