O Centro Demostrador TIC inicia a súa actividade deste ano cun seminario sobre como usar internet para incrementar as vendas

Venres 15 de Febreiro de 2013

O Centro Demostrador TIC inicia a súa actividade deste ano cun seminario sobre como usar internet para incrementar as vendas

O días 21 e 22 de febreiro o consultor especialista en marketing online, Javier Rocamora, exporá como por en marcha unha tenda online e posicionala nos principais buscadores

As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse para asistir de xeito presencial na ligazón https://cdtic.xunta.es/node/608 ou de xeito remoto nas aulas CeMIT a través do email formacion-cemit@xunta.es

Os vindeiros 21 e 22 de febreiro, en horario de 10:00 a 19:00 horas, terá lugar no Centro Demostrador TIC, dependente da Axencia para a Modernización de Galicia (Amtega), o obradoiro de formación “Presenza en internet e redes sociais: Como usar internet para aumentar vendas”, que será impartido polo consultor especialista en marketing online, e-commerce e presenza en redes sociais, Javier Rocamora.

Na primeira sesión Rocamora exporá como pór en marcha unha tenda online e posicionala nos principais buscadores. A segunda xornada estará orientada a redes sociais como ferramenta de marketing, así como outros aspectos a ter en conta: reputación online, redes móbiles, xeolocalización, etc.

O campo das redes sociais como ferramenta de venda é un factor de ampla mellora tanto nos autónomos como nas micropemes galegas. No recente informe “A Sociedade da Información e os autónomos de Galicia”, elaborado polo OSIMGA, destácase que o 23,2% dos autónomos con conexión a Internet dispón de páxina web e o 16,1% ten unha presenza activa nas redes sociais, mentres que nas microempresas galegas este indicador alcanza o 12,9%.

Dez aulas CeMIT participarán través de videoconferencia
Unha das novidade deste seminario, grazas a colaboración entre o CDTIC e a Rede CeMIT, é a posibilidade de seguimento a través de videoconferencia para facilitar a participación de autónomos e micropemes de toda Galicia.

As aulas CeMIT que impartirán este seminarios mediante esta modalidade serán 10, situadas nas localidades de Betanzos, Fisterra, Oroso, Ortigueira, Sarria, Allariz, Celanova, A Cañiza, Marín e Pontevedra. Deste xeito, os interesados destas localidades e as súas comarcar interesados en asistir poderano facer sen ter que desprazase as instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela.

Ademais, poderase seguir e interactuar cos ponentes e participantes mediante o uso en Twitter do hashtag (ou etiqueta) #presenzaweb (http://cdtic.xunta.es/curso-presenza-internet/), ou mandando unha mensaxe a través do Facebook da IMit.

Inscrición
A asistencia a todas as actividades é de balde, condicionada aos aforos dos locais. Para aqueles que desexen asistir ao seminario nas instalacións do Centro Demostrador TIC en Santiago de Compostela, deben inscribirse en liña a través da web do centro (https://cdtic.xunta.es/node/608).

Para os que non podan desprazarse a Santiago de Compostela, e asistir vía videoconferencia nas aulas CeMIT a inscrición será a través do email formacion-cemit@xunta.es ou chamando aos teléfonos 981 97 51 36 ou 981 54 50 60.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.