O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle o vindeiro 13 de outubro unha sesión demostradora sobre un novo servizo de monitorización de sistemas de información e comunicacións

Mércores 12 de Outubro de 2011

O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle o vindeiro 13 de outubro unha sesión demostradora sobre un novo servizo de monitorización de sistemas de información e comunicacións

INSIGHT é unha nova plataforma de monitorización desenvolvida por Emetel que permite controlar de maneira automática todo o que acontece na rede corporativa a través dun punto único de supervisión de todos os sistemas

Esta sesión vai dirixida aos profesionais e persoal técnico, xerentes ou directivos de medianas e grandes empresas da nosa Comunidade, tanto do sector público como privado

As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir

O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle mañá, 13 de outubro, unha sesión demostradora do “EMETEL INSIGHT” unha nova plataforma de monitorización que permite controlar de xeito automático todo o que acontece na rede corporativa dunha entidade a través dun punto único de supervisión de todos os sistemas.

A plataforma, desenvolvida pola empresa EMETEL SISTEMAS, S.L., é capaz de informar antes de que aconteza unha incidencia na rede, o que permite reaccionar con antelación e evitar problemas. A empresa indica que EMETEL INSIGHT permite a optimización dos recursos existentes, convertendo a infraestrutura TIC nunha vantaxe competitiva do negocio. Ademais contribúe a redución do costo de posesión (TCO) das TIC e facilita o rápido retorno do investimento.

Na sesión, que se celebrará de 09:45 a 12:00 horas da mañá, presentarase a plataforma EMETEL INSIGHT, as súas características principais, os sectores e campos de aplicación así como casos prácticos da mesma.

Esta sesión vai dirixida aos profesionais e persoal técnico, e/ou xerentes ou directivos das medianas e grandes empresas da nosa comunidade, tanto do sector público como privado.

A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).

CDTIC

O Centro Demostrador TIC de Galicia, inaugurado o pasado 27 de xuño, é unha iniciativa para promover o uso efectivo das TIC nas empresas galegas de cara ao cumprimento dos obxectivos estratéxicos definidos na Axenda Dixital 2014.gal. O obxectivo do CDTIC é  facilitar a incorporación das micropemes e autónomos á Sociedade da Información e facer máis competitivos os sectores estratéxicos de Galicia mediante as incorporacións das TIC aos seus modelos de negocio (automoción, construción naval, enerxía, téxtil).

Este escaparate tecnolóxico de Galicia é  froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.