O Centro demostrador TIC de Galicia acolle o 13 de maio un curso práctico sobre Google Sites
Pemes e autónomos adquirirán os coñecementos necesarios para crear sitos web ou intranets con esta ferramenta.
A asistencia a estes cursos é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá o 13 de maio o curso “Uso práctico de Google Sites para crear sitios web ou intranets” (http://cdtic.xunta.es/google-sites), que se impartirá en horario de 16.00 a 20.00 horas.
Este seminario sobre Google Sites será impartido por Óscar Pásaro García, director comercial da empresa Conpas, e está dirixido a pemes e traballadores autónomos de todos os sectores, así como a asociacións e clústers empresariais. Con esta actividade, as persoas asistentes adquirirán os coñecementos prácticos necesarios sobre a xestión da ferramenta Google Sites para a creación de sitios web ou intranets. O programa inclúe aspectos como o acceso ao programa, a edición de páxinas e a súa creación e eliminación, a estrutura do sitio, os tipos de usuario, entre outros.
Éxito de asistencia en anteriores convocatorias
No mes de febreiro impartiuse no CDTIC “Google Apps para pemes”, co obxectivo de achegarlles ás pequenas e medianas empresas galegas as distintas utilidades que ofrecen as Google Apps.
Despois do éxito de asistencia acadado neste seminario, o CDTIC continúa coa posta en marcha deste tipo de actividades destinadas a pemes e a autónomos, como resposta á demanda das persoas asistentes de afondar nas ferramentas de Google desde unha perspectiva eminentemente práctica. Por este motivo, despois dos cursos sobre Google Apps e Google Sites, estase a organizar un terceiro dedicado a Google Calendar, previsto para o 20 de maio.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.