O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle mañá a presentación de diferentes solucións tecnolóxicas para incrementar a eficacia na xestión do lixo
O obxectivo é mostrar ás empresas galegas diversos servizos e aplicativos TIC que permiten reducir o impacto negativo que poden causar no medio ambiente os residuos xerados pola súa actividade
A xornada vai dirixida aos profesionais da Comunidade independentemente do sector produtivo no que desempeñen o seu traballo, tanto do ámbito público como privado
As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC organiza mañá xoves, 24 de novembro unha Xornada Demostradora co título “Solucións Tecnolóxicas para a Xestión de Residuos”, na que se mostrará tanto ao tecido empresarial galego como ás administracións públicas diversas solucións tecnolóxicas que axudan a reducir o impacto negativo que no medio ambiente poden ocasionar os residuos xerados pola súa actividade.
A Xornada, que se celebrará en horario de 10:00h a 13:30h, fará un percorrido por distintas solucións TIC que permiten incrementar a eficacia en materia do tratamento do lixo das empresas e entidades asistentes: un aplicativo que permite a xestión integral da cadea de valor no control de residuos (produtores, recolledores, transportistas, xestores de residuos, administracións,...), un servizo que permite ás empresas realizar unha reciclaxe selectiva de CDs e DVDs e un sistema de destrución segura de documentación certificada.
Dado o carácter transversal da temática da xornada, esta vai dirixida aos profesionais da Comunidade independentemente do sector produtivo no que desempeñen o seu traballo, tanto do ámbito público como privado.
A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).
CDTIC
O Centro Demostrador TIC de Galicia, inaugurado o pasado 27 de xuño, é unha iniciativa para promover o uso efectivo das TIC nas empresas galegas de cara ao cumprimento dos obxectivos estratéxicos definidos na Axenda Dixital 2014.gal. O obxectivo do CDTIC é facilitar a incorporación das micropemes e autónomos á Sociedade da Información e facer máis competitivos os sectores estratéxicos de Galicia mediante as incorporacións das TIC aos seus modelos de negocio (automoción, construción naval, enerxía, téxtil).
Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.