O Centro Demostrador TIC de Amtega organiza unha xornada sobre a seguridade dos datos nas pemes
O seminario “Os datos da miña peme, están seguros?” impartirase o día 20 de outubro nas instalacións do CDTIC en Santiago e será posible seguilo por videoconferencia a través das aulas CeMIT
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), organiza o día 20 de outubro o seminario “Os datos da miña peme, están seguros?” (https://cdtic.xunta.gal/seguridade-peme) que se impartirá nas súas instalacións de Santiago de Compostela en horario de 17.00 a 20.00 h.
O obxectivo desta actividade formativa é alertar as pemes dos riscos aos que se expoñen ao conectarse a internet e do perigo que supón que a información crítica da empresa poida estar comprometida e poñer en risco a súa continuidade. Por este motivo, resulta esencial explicarlles certas pautas que poden minimizar este tipo de perigos, así como a forma de tirarlles proveito ás oportunidades que brinda a rede. Así, no transcurso da xornada, exporanse, entre outros, temas como os piares da seguridade da información, as ameazas internas e externas na organización, a xestión e o control de internet na peme, a fuga de información, a mobilidade e a produtividade ou o problema dos virus.
Este seminario está destinado a persoal directivo e xerentes de empresas que conviven con internet sen coñecelo ou que, conscientes dos riscos e as posibilidades que a rede ofrece, queiran saber como protexer a información do seu negocio. O encargado de impartir a sesión será Carlos Díaz, socio de Crosnet, especialista en redes de datos e seguridade corporativa.
Para participar nesta actividade en formato presencial cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Para aquelas persoas que non podan desprazarse a Santiago de Compostela, o seminario será transmitido por videoconferencia as aulas CeMIT (https://cemit.xunta.gal/node/6718).
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.