O Centro Demostrador TIC da Amtega organiza o 2 de febreiro unha xornada formativa sobre as vantaxes de usar Facebook nun negocio
Terá lugar nas instalacións do CDTIC de 16.00 a 19.00 horas e a inscrición está xa aberta a través da súa páxina web
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia organiza o día 2 de febreiro a actividade formativa “Descubre as vantaxes que Facebook pode achegar ao teu negocio” (https://cdtic.xunta.gal/rrss-facebook), que se levará a cabo nas súas instalacións en horario de 16.00 a 19.00 horas.
Os asistentes coñecerán os beneficios que as redes sociais poden achegar aos negocios, especialmente Facebook, e as súas utilidades e aplicacións: fanpages, tipos de contidos, xestión dunha comunidade, messenger etc.
Esta sesión está destinada principalmente a empresas e persoas emprendedoras que desexan empregar as redes sociais, principalmente Facebook, como ferramenta de captación e fidelización de clientela. O encargado de impartir o curso será Christian Delgado, especialista en posicionamento en internet (SEO) e analítica web.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, é unha iniciativa que promove a transformación dixital das pemes de Galicia como factor clave para mellorar a súa eficiencia e competitividade. O Centro actúa como punto punto de encontro entre a oferta do sector TIC e a demanda o resto dos sectores empresariais galegos.
O obxectivo principal do CDTIC é amosar e demostrar ás empresas e profesionais os beneficios que as TIC poden ofrecer ao seu negocio. Para conseguilo o CDTIC ofrece ao sector TIC galego as súas instalacións e recursos para que poidan poñer en valor os seus produtos, servizos.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital, a través de Red.es, cofinanciada con fondos FEDER.