O Centro Demostrador TIC da Amtega organiza en Ourense un seminario sobre como xestionar unha tenda en liña
O seminario impartirase o día 4 de decembro en horario de 16.00 a 20.00 na Aula CeMIT da cidade.
Trátase da segunda edición desta actividade formativa, que, despois do seu paso por Santiago de Compostela, chega agora á cidade de Ourense.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/.
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, organiza o día 4 de decembro o seminario “A experiencia de xestionar unha tenda en liña. Os erros que non se deben cometer” (https://cdtic.xunta.es/tenda-online-erros-ourense) que se impartirá en horario de 16.00 a 20.00 horas na Aula CeMIT de Ourense.
O obxectivo desta xornada é explicarlles, dende un punto de vista práctico, ás persoas asistentes como poñer en marcha un proxecto de comercio electrónico e cales son os erros máis comúns que se adoitan cometer, erros que poden estar relacionados co mercado, a estratexia, a tecnoloxía, o produto, os provedores, a mercadotecnia, os medios de pagamento, a loxística ou o control do negocio.
Este seminario está pensado, principalmente, para persoal directivo e responsables comerciais ou de mercadotecnia das empresas, así como, en xeral, calquera persoa que desexe pór en marcha un proxecto de comercio electrónico. O encargado de impartilo será Fernando Gómez, CEO do Grupo Predomina, holding empresarial que agrupa empresas de comercio electrónico e negocios baseados en internet e novas tecnoloxías.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Éxito da primeira edición
O pasado mes de outubro celebrouse unha primeira edición deste seminario nas instalacións do CDTIC en Santiago de Compostela. Dado o éxito acadado por esta convocatoria, decidiuse poñer en marcha esta segunda edición, trasladando a súa celebración a outro punto de Galicia, neste caso, Ourense.
Non é a primeira vez que o CDTIC traslada a celebración dalgunha das súas actividades formativas fóra das súas instalacións. Varias aulas CeMIT da Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica acolleron xa outros seminarios en varios puntos de Galicia, como é o caso de Redondela ou A Coruña.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.