O Centro Demostrador TIC da Amtega amosará unha solución para a xestión eficaz do correo electrónico o vindeiro 21 de febreiro
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC
O Centro Demostrador TIC (CDTIC) da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) organiza o día 21 de febreiro unha sesión demostradora que leva por título “Descubre o correo electrónico intelixente Mailbor” (https://cdtic.xunta.gal/mailbor-santiago) e que terá lugar nas súas instalacións de Santiago en horario de 16.15 a 19.15 horas.
Os asistentes coñecerán unha solución que lles permitirá xestionar mellor a documentación dixital das súas empresas. Así, ao longo da xornada mostrarase como realizar a xestión do correo electrónico de xeito eficaz, como enviar mensaxes de gran tamaño ou con confirmación de identidade, como compartir contas de correo ou arquivos, como aloxar arquivos en Mailbor, entre outras cuestións de interese.
Esta sesión está destinada principalmente a empresas que queiran mellorar a xestión dos seus correos electrónicos e a súa información dixital e será impartida por Ricardo Villa, CEO de Mailbor.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio Enerxía, Turismo e Axenda Dixital a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.