O Centro Demostrador TIC da Amtega acolle a presentación dun software para a xestión avanzada de cadeas de produción
Empresas de produción, empresas consultoras no ámbito industrial e enxeñeiros industriais están convocadas a asistir ao CDTIC o vindeiro 17 de xuño de 16.30 a 20.30h.
Anubía, en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, será a encargada de amosar as vantaxes de Odoo, ERP en software libre, para a xestión de almacéns e da produción.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 17 de xuño unha sesión demostradora que leva por título “Xestión avanzada da produción cos novos módulos de Odoo” (https://cdtic.xunta.es/odoo-producion-anubia-icoiig) que se desenvolverá en horario de 16.30 a 20.30 horas.
Nesta actividade presentaranse de xeito práctico os novos módulos de Odoo para a xestión avanzada dos almacéns e da produción. Estes novos módulos amplían as posibilidades desta ferramenta nas empresas de produción, ademais de presentar as vantaxes dunha aplicación de software libre. Ao longo da xornada explicarase o funcionamento básico e a configuración de OdooMRP, exporase un caso de produción e carga inicial de datos e realizarase un exercicio práctico.
Esta sesión demostradora está especialmente deseñada para empresas de produción, empresas consultoras no ámbito industrial, enxeñeiros industriais e estudantes de enxeñería. Os encargados da súa organización son Anubía, empresa consultora de formación, desenvolvemento e implantación de solucións de software libre para a xestión completa de empresas de aplicación na nube; e a delegación de Santiago de Compostela do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.
Odoo, un ERP en Software Libre
Odoo (https://www.odoo.com/es_ES/) anteriormente coñecida como OpenERP, é unha solución de xestión e planificación de recursos empresariais.
As siglas ERP, en inglés Enterprise Resource Planning, fan referencia a un tipo de software de xestión empresarial, que permite a xestión de todos os procesos de xerencia dunha empresa, como poden ser a loxística e distribución, inventarios, envíos, facturación ou contabilidade. Poden incluír tamén sistemas de xestión de recursos humanos ou incluso ferramentas de mercadotecnia.
A súa popularidade hoxe en día, fai que non só atopemos solucións instalables nos propios servidores da empresa, se non que existen moitos provedores que ofrecen estas solucións como servizos na nube, de tal forma que só precisamos crear unha conta para a nosa empresa e a cambio dunha cota mensual podemos empregar todas as súas funcionalidades sen tener que preocuparnos pola súa instalación, configuración e mantemento.
Pode atopar máis información sobre Odoo e provedores galegos que fornecen servizos sobre este ERP no artigo publicado no portal de Mancomun: http://www.mancomun.org/es/solucionstic/artigostecnoloxicos/detalle/nova...
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.