O Centro Demostrador TIC comeza a súa actividade cunha xornada de portas abertas o venres 1 de xullo
A partir das 09:00h e ata ás 13:30h, en sesións de 30 minutos e grupos reducidos, os asistentes percorrerán as distintas salas do Centro nunha vista guiada na que se lles explicará a funcionalidade de cada espazo
A persoas interesadas poden inscribirse na web do CDTIC http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC comeza a súa actividade celebrando unha “Xornada de Portas Abertas” o venres 1 de xullo para que os integrantes do tecido empresarial galego poidan coñecer de primeira man as instalacións e informarse das actividades e servizos que ofrece.
O Centro Demostrador TIC nace como punto de encontro entre a demanda empresarial e a oferta tecnolóxica de Galicia. Durante o acto de inauguración, que tivo lugar o pasado 27 de xuño, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, destacou que o Centro Demostrador TIC constitúe unha ferramenta que servirá de “escaparate tecnolóxico” do sector TIC galego e axudará a consolidar unha imaxe de marca propia que favorecerá o seu posicionamento no mercado e a súa internacionalización.
Deste xeito as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción o naval, a enerxía, o téxtil …, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico. A día de hoxe 52 empresas e un instituto tecnolóxico xa están interesados en mostrar preto de 200 produtos e 27 servizos TIC nas instalacións do Centro.
Xornada de Portas Abertas
Durante a xornada de portas abertas os asistentes, en grupos reducidos, realizarán entre as 9:00 e 13:30h visitas guiadas de 30 minutos de duración na que poderán acceder ás distintas salas que o compoñen o Cento demostrador.
Na Sala de Formación realizarase una breve descrición das diversas actividades que se poden levar a cabo: desenvolvemento de xornadas e obradoiros de carácter eminentemente práctico, proxección de contidos 3D, uso das aplicacións e/ou servizos multimedia orientados a contidos audiovisuais, aplicacións despregadas sobre TV Dixital, dispositivos de soporte a aplicacións interactivas: equipos táctiles, novos formatos de TV, plataformas de ocio,...
A seguinte visita será á Sala de Demostracións, o espazo equipado para que se poidan amosar ou simular entornos de traballo con produtos tecnolóxicos, facilitar o encontro insitu ou virtual entre empresas provedoras de solucións tecnolóxicas e empresas posibles usuarias de tecnoloxía ou innovación tecnolóxicas.
O percorrido rematará na Sala de Realidade Virtual onde se amosará a unidade de Realidade Virtual, consistente nunha exposición de contidos audiovisuais e interactivos en tres dimensións, simulacións avanzadas, videoxogos e reprodución virtual de diversos entornos reais e a interacción cos mesmos, solucións inmersivas para produtos, entro outras moitas aplicacións.
Todas aquelas persoas interesadas en asistir á Xornada de Portas Abertas, deberán inscribirse a través da páxina web do Centro Demostrador TIC, no enderezo http://cdtic.xunta.es/inscribir. Para máis información consultar a páxina web do Centro Demostrador TIC http://cdtic.xunta.es.
Colaboración
O Centro, froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, a través de red.es, conta cun investimento máximo conxunto de 2.720.875,71 euros ata decembro de 2013, dos que máis de 2 millóns foron achegados por red.es, grazas á contribución do Programa Operativo de I+D+i por e para o beneficio das Empresas, fondo tecnolóxico 2007-2013 de FEDER, e 600.000 euros pola Xunta.