O Centro Demostrador TIC celebra o día 12 un seminario sobre o papel das TIC na identificación e a xestión do talento

Xoves 06 de Novembro de 2014

O Centro Demostrador TIC celebra o día 12 un seminario sobre o papel das TIC na identificación e a xestión do talento

A xornada impartirase de 16.00 a 20.00 horas nas instalacións do Centro e tamén poderá seguirse en streaming.

Está destinada principalmente aos responsables e aos profesionais de RRHH.

Mostraranse novos conceptos no escenario dixital de recursos humanos, como employer branding e ferramentas para atopar talento diferenciado e para xerar comunidade e redes de contacto profesionais.

A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o 12 de novembro o seminario “O papel das TIC na identificación e xestión do talento” (https://cdtic.xunta.es/tic-talento), que se impartirá en horario de 16.00 a 20.00 horas.

Na xornada mostraranse novos conceptos no escenario dixital de recursos humanos, como employer branding; novos recursos TIC na identificación e a xestión do talento; novas ferramentas para atopar talento diferenciado para as organizacións; ou ferramentas para xerar comunidade e redes de contacto profesionais.

A razón dunha actividade destas características reside na importancia que ten, no momento actual, o talento como factor diferencial na competitividade das empresas e das organizacións, un factor diferencial de marcado carácter estratéxico, que converte as persoas e o seu saber facer nun elemento clave no éxito das empresas. Por este motivo, coñecer o actual mercado de traballo da contorna dixital e aproveitar as posibilidades dos novos recursos convértese en algo imprescindible na economía dixital.

A actividade está pensada, principalmente, para responsables e profesionais de recursos humanos e, en xeral, para todas as persoas que consideren o talento como un elemento clave na súa actividade profesional ou para a actividade da súa organización. O encargado de impartir o seminario será Xosé Alberte Cea, experto en orientación profesional e no mercado laboral, con experiencia como titor, formador, relator, promotor de actos de networking e impulsor de proxectos de emprendemento.

Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse para asistir, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas.

Para as persoas que non poden acudir presencialmente ao seminario, este vai poder seguirse a través de streaming desde calquera punto de Galicia.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.