O Centro Demostrador TIC celebra o 3 de xuño un seminario sobre marketing electrónico

Mércores 28 de Maio de 2014

O Centro Demostrador TIC celebra o 3 de xuño un seminario sobre marketing electrónico

Será impartido por Rubén Bastos de Elogia, empresa especializada en marketing dixital e referente da materia a nivel nacional.

O colectivo destinatario deste seminario está formado por pemes e traballadores autónomos, así como asociacións e clústeres empresariais.

A asistencia a este curso é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC http://cdtic.xunta.es/marketing-electronico.

O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá o día 3 de xuño o seminario “Marketing Electrónico” que se impartirá de 16.00 a 20.00 horas.

O programa deste seminario inclúe temas como o novo paradigma de comunicación en liña, o posicionamento en buscadores (SEM e SEO), o email marketing, os formatos de publicidade display ou a analítica web, entre outros. Con esta actividade preténdese que as persoas asistentes adquiran os coñecementos necesarios para a definición dunha estratexia efectiva de marketing en liña, desde un punto de vista práctico.

O encargado de impartir o seminario será Rubén Bastos Meira, da empresa galega Elogia, especializada en servizos de marketing dixital para comercio electrónico e referente da materia a nivel nacional. Esta actividade formativa está especialmente deseñada para pemes e traballadores autónomos de todos os sectores, así como asociacións e clústeres empresariais.

A asistencia a este curso é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC http://cdtic.xunta.es/marketing-electronico.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.