O Centro Demostrador TIC celebra mañá unha xornada sobre solucións tecnolóxicas para a industria agroalimentaria
Mostrarase ás empresas deste ámbito aplicacións que posibiliten a modernización do seu negocio
As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web no enlace http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC de Galicia acolle mañá, martes 28, unha Xornada Demostradora sobre "Solucións Tecnolóxicas para a Industria Agroalimentaria", na que se mostrará ao tecido empresarial do sector diversas aplicacións tecnolóxicas que posibiliten a modernización do seu negocio, a mellora do seu posicionamento na economía galega e a apertura a novos mercados.
A xornada, que se celebrará en horario de 10:00h a 14:00h, fará un percorrido por distintas solucións TIC, entre elas, unha solución de xestión empresarial orientada ao sector agroalimentario, que ademais de integrar e automatizar as distintas áreas dunha organización: compras, vendas, facturación, contabilidade, CRM, recursos humanos, xestión de custes, etc...), dispón dun módulo de control da trazabilidade específico para este tipo de industria.
Solucións TIC específicas para o sector
Durante a xornada, tamén se amosará unha aplicación para a xestión, de promotores de vendas, fabricantes, distribuidores, … a través de dispositivos móbiles (smartphones, tabletas, …) que permite automatizar o control sobre rutas dos distribuidores, datos dos clientes e puntos de venda.
Ademais, presentarase unha solución de monitorización ambiental que permite recoller datos en tempo real para identificar, avaliar e previr riscos, así como, axustar os procesos produtivos ás condicións reais do contorno. Por último, a sesión contará coa demostración dunha solución para automatizar o proceso de clasificacións de produtos por visión artificial.
A xornada vai dirixida aos profesionais e persoal técnico e xerentes ou directivos de empresas da comunidade, principalmente do sector agroalimentario. A metodoloxía que seguen estas sesión busca acadar un contacto directo entre á oferta tecnolóxica existente en Galicia e os posibles demandantes da mesma, a través de demostracións prácticas e a participación activa das empresas asistentes durante a celebración da xornada.
A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).
CDTIC
O Centro Demostrador TIC, posto en marcha pola Xunta de Galicia, constitúe un espazo de referencia no que as empresas, universidades, centros tecnolóxicos, asociacións, confederacións e colexios profesionais galegos poden acceder ás últimas novidades tecnolóxicas e comprobar, de forma práctica, a mellora que supón a implantación destas novas tecnoloxías na súa produtividade.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Energía y Turismo, a través da entidade pública empresarial red.es.