O Centro Demostrador TIC celebra este mes unha xornada sobre solucións e recursos tecnolóxicos para docentes

Mércores 12 de Setembro de 2012

O Centro Demostrador TIC celebra este mes unha xornada sobre solucións e recursos tecnolóxicos para docentes

Presentaranse ferramentas TIC que poden facilitar o ensino dun xeito máis eficaz e motivador para os alumnos

A sesión vai dirixida á persoal docente e xestor de centros educativos

Para facilitar a asistencia desenvolveranse dúas sesións o 20 e o 21 de setembro respectivamente

Os vindeiros 20 e 21 de setembro, o Centro Demostrador TIC acollerá unha sesión demostradora a cargo da empresa Mundo Educarte SL sobre solucións e recursos TIC para docentes.

A sesión, que se organiza en horario de mañá e tarde, contará coa presenza de diversos expertos na integración das TIC no ensino que amosarán aspectos claves para sacarlle o máximo partido a un aula multimedia e cómo integrar ferramentas e contidos dixitais para acadar clases máis dinámicas.

Na sesión de tarde tomarán protagonismo as experiencias reais, onde diversos docentes exporán boas prácticas no uso destas ferramentas tecnolóxicas no seu traballo diario nas aulas.

Co obxectivo de facilitar a asistencia do persoal docente e xestor de centros educativos, celebrase unha primeira sesión o xoves 20 de setembro que se repetirá o día seguinte 21 de setembro.

A asistencia as sesións é de balde, condicionada ao aforo da sala e previa inscrición en liña na web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es)

Empresa especializada en recursos TIC para o ensino 
Mundo Educarte (http://www.mundoeducarte.es/), é unha empresa galega, con máis de 7 anos de experiencia no sector educativo, especializada na distribución e comercialización de material didáctico en diversos formatos.

Mundo Educarte conta coa colaboración das marcas máis á vangarda e innovadoras no ámbito das TIC e cun selecto grupo de provedores altamente involucrados coa calidade no servizo e na constante procura e desenvolvemento de solucións que se adapten ás necesidades específicas de cada centro.

Mundo Educarte, ademais de dispor dunha ampla gama de pizarras dixitais, proxectores, visualizadores, contidos dixitais, sistemas de votación e practicamente calquera recurso educativo, fai toda a xestión de venda co centro, desde a venda ata a instalación, formación do profesorado e mantemento correctivo e preventivo dos equipos.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.