O Centro Demostrador TIC ampliou nun 20% as prazas do primero dos talleres sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes ante a demanda xerada

Sábado 28 de Abril de 2012

O Centro Demostrador TIC ampliou nun 20% as prazas do primero dos talleres sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes ante a demanda xerada

O Ciclo continuará os días 10 e 23 de maio coas sesión“Aplicacións, Smartphones e Redes sociais” e “Cloud Computing”

As empresas interesadas poderanse inscribir no portal web do Centro Demostrador TIC http://cdtic.xunta.es/inscribir

O Centro Demostrador TIC, dependente da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, tivo que ampliar nun 20% as prazas ofertadas para cubrir a importante demanda xerada polo primeiro dos talleres do Ciclo sobre Capacitación en Novas Tendencias Tecnolóxicas para Pemes, que se celebrou o pasado xoves.

O obxectivo desta primeira sesión sobre “Vixilancia Tecnolóxica e Intelixencia Competitiva” era capacitar ás pemes do sector TIC no lanzamento de proxectos de mellora con procesos de implantación de sistemas de Vixilancia Tecnolóxica e Intelixencia Competitiva no sector TIC. A metodoloxía estaba baseada na combinación de módulos teóricos e casos prácticos, co obxectivo de que o taller fose da maior utilidade posible para ás empresas asistentes.

A apertura da xornada correu a cargo de dúas expertas cunha longa traxectoria no sector da vixilancia tecnolóxica de empresas en Galicia: Rosa Freire, responsable da Unidade de Vixilancia e Transferencia de Tecnoloxía no Centro de Innovación e Servizos de Galicia e Lara Rey, responsable do Servizo de Vixilancia Tecnolóxica e do Sistema de Xestión de I+D+i da empresa “Ferroatlántica I+D”.

O groso do taller correu a cargo do reputado experto a nivel nacional e internacional, José María Riola Rodríguez, profesor da Universidade Politécnica de Madrid, e, dende hai máis de catro anos, responsable do Sistema de Observación e Prospectiva Tecnolóxica da Dirección Xeral de Armamento e Construción do Ministerio de Defensa. Ao longo da súa exposición, José María Riola destacou entre outras cousas, o MapaTIC.gal, posto en marcha pola AMTEGA a principios deste ano, como exemplo punteiro dunha ferramenta de Vixilancia Tecnolóxica e Competitiva, promovido por unha administración pública.

Máis talleres en maio
O próximo taller do Ciclo, “Aplicacións, Smartphones e Redes sociais”, terá lugar o xoves día 10 de maio. O obxecto é ofrecer toda información necesaria o negocio de desenvolvemento de aplicacións para smartphones e redes sociais e identificaranse as diferentes oportunidades que ofrecen, especialmente aos pequenos empresarios e emprendedores.

Como peche deste ciclo o mércores 23 e o xoves 24 de maio. celebrarse o taller “Cloud Computing” para ofrecer ás empresas TIC toda a información necesaria sobre o tema desde unha prespectiva no só tecnolóxica, senon tamén como un novo referente de modelo de negocio e desenvolvemento.

CDTIC
O Centro Demostrador TIC, posto en marcha pola Xunta de Galicia, constitúe un espazo de referencia co obxecto de difundir as vantaxes da incorporación de TIC en pemes, impulsando a creación de espazos de encontro entre a oferta do sector TIC e a potencial demanda de pemes, difundir as vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos, facilitar a transferencia de tecnoloxía, servizos especializados e coñecemento entre o sector TIC e as pemes, así como a de asesorar, capacitar e formar tecnoloxicamente ás empresas.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade pública empresarial Red.es.