O Centro Demostrador TIC acolle o xoves 23 unha sesión informativa sobre as axudas estatais a proxectos de I+D no sector das TIC

Luns 20 de Maio de 2013

O Centro Demostrador TIC acolle o xoves 23 unha sesión informativa sobre as axudas estatais a proxectos de I+D no sector das TIC

Representantes do Ministerio de Industria e da Axencia para a Modernización Tecnolóxica da Xunta explicarán os requirimentos para presentar os proxectos

O Goberno central publicou o pasado 9 de maio as bases polas que se rexerán as futuras convocatorias no período 2013-2016

O obxecto das axudas serán proxectos de investigación industrial ou experimental baixo a modalidade de subvención e/ou préstamo

O Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo publicou o pasado 9 de maio as bases reguladoras da concesión de axudas no ámbito TIC e a Sociedade da Información para proxectos de investigación industrial ou experimental baixo a modalidade de subvención e/ou préstamo

Estas ordes de axudas sentan as bases para o conxunto de convocatorias que se prevén no período 2013-2016 para fomentar o uso das TIC, para que sexan estas as que impulsen o liderazgo empresarial en I+D+i das empresas e que sirvan para incrementar a súa competitividade a través da xeración e incorporación de coñecementos, tecnoloxías e innovacións, servizos tecnolóxicos avanzados e de maior valor engadido.

O vindeiro xoves 23 de maio a subdirectora xeral de Fomento da Sociedade da Información do Ministerio, Mª Ángeles Barragán Zorrilla, e a directora da área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Yolanda García, explicarán nunha xuntanza no Centro Demostrador TIC os requirimentos das axudas aos empresarios do sector tecnolóxico e doutros sectores produtivos así como a representantes de cámaras de comercio, colexios profesionais, asociacións empresariais e de autónomos.

Precisamente o Centro Demostrador TIC, impulsado pola Amtega, constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego e ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos que a súa vez coñecen os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios.

Ámbito de actuación
Baixo a modalidade de subvención e/ou préstamos, empresas, organismos de investigación e as agrupacións ou asociacións empresariais poderán presentar proxectos de investigación industrial ou desenvolvemento experimental en áreas temáticas tales como a computación na nube, tratamento masivo de datos, mobilidade, cidades intelixentes, ciberseguridade, aplicacións para a mellora da competitividade das PEMES através das TIC, saúde e benestar, contidos dixitais, xestión ambiental e administración electrónica.

Asistencia á sesión informativa
A sesión informativa dará comezo ás 11 no Centro Demostrador TIC de Galicia e a asistencia a mesma está condicionada ao aforo da sala, previa inscrición en liña a través da páxina web do CDTIC http://cdtic.xunta.es/axudas-tic.