O Centro Demostrador TIC acolle o vindeiro xoves a presentación dunha solución tecnolóxica para a xestión de talleres de automóbiles

Martes 10 de Xaneiro de 2012

O Centro Demostrador TIC acolle o vindeiro xoves a presentación dunha solución tecnolóxica para a xestión de talleres de automóbiles

Mostrarase unha aplicación para a xestión de talleres que integra as áreas de facturación, técnica e diagnose

A sesión vai dirixida aos profesionais da venda e reparación de vehículos así como a propietarios e xerentes de talleres

As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir

A empresa galega Autoxuga presentará, o vindeiro xoves 12 de xaneiro, no Centro Demostrador TIC unha solución integral de xestión para axudar aos profesionais do sector de talleres de automóbiles a aumentar a productividade das súas empresas.

A sesión, que se celebrará de 10:30 a 13:30h, afondará en cuestións técnicas e prácticas nas distintas áreas a integrar: financiamento, técnica e diagnose. Dentro da área de facturación trataranse aspectos como técnicas de marketing, control de provedores, compras directas a provedores para reducir custes, control de almacén, entre outros.

Na área técnica, os contidos versarán sobre cálculos de compoñentes, funcionamento de sensores e actuadores ou esquemas eléctricos e electrónicos unificados. Por último, dentro da área de diagnose, os asistentes coñecerán o proceso de fabricación de equipos de diagnose, consistentes en solucións tecnolóxicas (hardware e software),que unha vez conectados ao automóbil, permiten analizar parámetros tales como os niveis, estado da carga baterías e compoñentes electrónicos,etc, así como os protocolos de comunicación entre estes e as centraliñas dos coches (UCEs).

A sesión rematará coa diagnose real dun vehículo, instalado no aparcadoiro do CNTG para tal fin, na que os asistentes poderán comprobar dunha maneira totalmente práctica os conceptos desenvolvidos ao longo da mañá.

Empresa especializada na automoción
Autoxuga é unha empresa especializada en desenvolvementos e deseños electrónicos e informáticos con ampla experiencia no sector da automoción. Como empresa que fabrica Equipos de Diagnose con aplicacións integradas de Xestión e Técnica, ofrecerá aos asistentes información novidosa acerca do proceso de fabricación dos scanners ou equipos de diagnose mostrando maquetas de deseño, circuitos electrónicos e desenvolvemento software que habitualmente non está a disposición dos profesionais.

A sesión está dirixida aos profesionais da venda e reparación de vehículos así como a propietarios e xerentes de talleres. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para acercar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción o naval, a enerxía, o téxtil…, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos.