O Centro Demostrador TIC acolle o vindeiro xoves a presentación dunha plataforma tecnolóxica para optimizar a xestión das estacións de servizo
O sistema permite unha xestión integral do negocio controlando os ingresos, as vendas, os surtidores ou o stock de combustible
Mostrarase aos asistentes un Terminal de Venda e Autopago desatendido ademais dun sistema de control total para a xestión das gasolineiras
A sesión vai dirixida aos responsables de Estacións de Servizo e Gasocentros
As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
O vindeiro xoves 12 de abril, o Centro Demostrador TIC acollerá unha sesión demostradora a cargo de PROM Sistemas Informáticos, empresa afincada en Ourense, que irá dirixida aos responsables de Estacións de Servizo e Gasocentros.
Na sesión, que se celebrará de 10:00 a 13:00h, afondarase nos distintos aspectos da plataforma modular Alf@ ERP Hidrocarburos, deseñada para solventar as necesidades do sector dos hidrocarburos na venda e distribución de carburantes.A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).
Sistema de control integral
Alf@ ERP Hidrocarburos é un sistema de control total do negocio para empresas relacionadas co sector de hidrocarburos que, pola intensidade de movementos, teñen complicado prever os seus ingresos e egresos, coñecer cando debe repoñer e estar ao tanto das súas vendas e do capital en circulación. Permite xestionar, dende o despacho de combustible ata as vendas de comidas e bebidas no mini bar pasando pola venda de accesorios e insumos (aceites, lubricantes), o control de surtidores e o stock de combustible actual, sen esquecer o manexo de contas correntes de empresas que se abastecen no establecemento.
Os asistentes á Sesión poderán comprobar cómo este programa de xestión para estacións de servizo resolve as súas necesidades de control, sumándolle ademais, a velocidade de operación e emisión de comprobantes. Así, constitúe unha solución deseñada para cubrir todos os requirimentos diarios, complementada cun programa de xestión comercial que permite levar a administración completa do negocio (xestión e administración comercial, fiscal, financeira e analítica).
A sesión rematará coa presentación dunha solución innovadora de Terminal de Venda e Autopago desatendido, adaptable a todo tipo de surtidores, que estará instalado no Centro Demostrador TIC para facilitar que os asistentes poidan comprobar in situ as vantaxes que pode proporcionar ao seu negocio.
Empresa especializada en software de xestión
A empresa galega PROM Sistemas Informáticos realiza a súa actividade en tres áreas ligadas entre si e totalmente complementarias: desenvolvemento e implantación de solucións de xestión, instalación e mantemento do hardware que necesitan ditas solucións alí onde non dispoñen dun partner e formación para traballadores.
En PROM Sistemas Informáticos están especializados en programas e solucións sectoriais concretas que permiten unha alta parametrización e adaptación co obxectivo de poder automatizar os procesos de xestión da empresa e facilitar o máximo de información para a toma de decisións económicas, financeiras e estratéxicas.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enexía e Turismo, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER