O Centro Demostrador TIC acolle o vindeiro mércores unha sesión sobre análise e solucións de centros de proceso de datos
Mostrarase aos asistentes cómo deseñar un CPD ou Datacenter, os espazos onde se concentran os recursos necesarios para o procesamento da información dixital dunha organización ou empresa
A sesión vai dirixida aos responsables TIC das empresas galegas que dispoñan dun CPD ou teñan prevista a súa instalación
As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
O vindeiro mércores 21 de marzo, o Centro Demostrador TIC acollerá unha sesión demostradora a cargo da empresa galega Cie Tecnologías sobre a análise e solucións de Intelligent Datacenters ou Centros de Proceso de Datos, os espazos onde se concentran os recursos necesarios para o procesamento da información dixital dunha organización ou empresa.
A sesión está dirixida aos responsables da área TIC daquelas empresas galegas que dispoñan un CPD ou teñan prevista a súa instalación. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).
A xornada, que se celebrará de 10:00 a 14:00h, comezará coa descrición de solucións e elementos que forman parte dun Centro de Procesamento de Datos (CPD ou Datacenter) e afondará no seu deseño a través da solución InfraStruXure de APC.
A continuación, presentarase a ferramenta de monitorización LANSense, que é un Sistema de xestión Intelixente de infraestruturas TI dentro dun Datacenter e realizarase unha demostración online do seu funcionamento.
A sesión rematará coa visita a un Datacenter en produción onde se exporá o proxecto implantado no mesmo e na que os asistentes poderán comprobar de primeira man os sistemas e conceptos desenvolvidos ao longo da mañá.
Empresa especializada en sistemas de comunicacións
A empresa galega CIE Tecnologías (www.cietecnologias.es) realiza a súa actividade no campo das chamadas tecnoloxías da información e da comunicación (TIC), ofrecendo infraestruturas e inxeñería que deseña e implementa en todo tipo de sistemas e con variadas prestacións e finalidades.
CIE Tecnologías ofrece un completo abano de servizos que comprenden o ciclo de vida completo de proxectos de redes e infraestruturas de comunicacións: enxeñería, comunicacións, infraestruturas, fibra óptica, cableados estruturados e cableados especiais.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para achegar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enexía e Turismo, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.