O Centro Demostrador TIC acolle o 15 de decembro unha xornada sobre solucións tecnolóxicas para a modernización da industria textil
Achegarase ás empresas do sector servizos e aplicacións tecnolóxicas que posibiliten a renovación do seu negocio, a mellora do seu posicionamento na economía galega, así como a apertura a novos mercados
A xornada vai dirixida aos profesionais e persoal técnico, xerentes ou directivos de empresas da nosa comunidade, principalmente do sector téxtil
As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC organiza o vindeiro 15 de decembro unha Xornada Demostradora sobre “Solucións tecnolóxicas para a modernización da Industria Téxtil”, na que se mostrará ao tecido empresarial do sector diversos servizos e aplicativos TIC que posibiliten a actualización do seu negocio, a mellora do seu posicionamento na economía galega, así como a apertura a novos mercados.
A xornada, que se celebrará en horario de 10:00h a 13:45h, fará un percorrido por distintas solucións TIC como poden ser un sistema para o control do proceso de trazabilidade e outros procesos da cadea de valor, unha aplicación de intelixencia de negocio que axude aos directivos na toma de decisións estratéxicas para a súa empresa ou unha solución de xestión empresarial e planificación de recursos.
A xornada vai dirixida aos profesionais e persoal técnico e/ou xerentes ou directivos de empresas da comunidade, principalmente do sector téxtil. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, ten como obxectivo facilitar ás empresas do sector tecnolóxico os medios para acercar a súa oferta de produtos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
O Centro é unha ferramenta que serve de escaparate tecnolóxico do sector TIC galego e axudará a consolidar a marca Galicia o que favorecerá o seu posicionamento no mercado e a súa internacionalización.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutras áreas como a automoción, a construción o naval, a enerxía, o téxtil…, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
A día de hoxe, e desde a súa posta en marcha no mes de xullo, máis dunha ducia de empresas galegas presentaron as súas solucións tecnolóxicas no centro e foron máis de 140 os profesionais que se achegaron para participar nas actividades e coñecer as súas instalacións.
Este escaparate tecnolóxico de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, a través de red.es, e está cofinanciado con fondos FEDER.