O Centro demostrador TIC acolle esta semana un seminario centrado nos beneficios da gamificación nas empresas

Luns 29 de Setembro de 2014

O Centro demostrador TIC acolle esta semana un seminario centrado nos beneficios da gamificación nas empresas

A xornada aborda a aplicación de técnicas e dinámicas do xogo a estratexias empresariais.

Impartirase o día 2 de outubro en horario de 10.00 a 14.00 horas nas instalacións do CDTIC e será retransmitida por streaming.

Esta actividade, organizada pola empresa Imaxin Software, está destinada principalmente a xerentes, directores xerais e responsables de RR. HH., marketing, comunicación e publicidade.

A asistencia é de balde, previa inscrición a través da web https://cdtic.xunta.es/gamificacion

Analizar o poder do xogo e a gamificación orientada a resultados de negocio e dar a coñecer casos de éxito son os obxectivos do seminario “Aplicación da gamificación na empresa: motivación e produtividade”. A xornada terá lugar nas instalacións do Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), o vindeiro 2 de outubro, en horario de 10.00 a 14.00 horas, e será retransmitida en streaming. A asistencia é de balde, previa inscrición a través daa web do Centro, https://cdtic.xunta.es/gamificacion.

Obxectivos
O atractivo deste seminario explícase polo crecente interese e expectación que na actualidade esperta a gamificación aplicada á empresa. Malia tratarse dun concepto relativamente novo, a aplicación de técnicas e dinámicas proias do xogo vai abríndose camiño, dende hai algún tempo, na contorna empresarial. O obxectivo deste tipo de técnicas é mellorar a captación ou a fidelización da clientela, reducir os custos ou incrementar a motivación do persoal das empresas.

Este seminario está pensado, principalmente, para xerentes e directores xerais, así como persoal responsable de áreas como recursos humanos, marketing, comunicación ou publicidade en empresas ou institucións. Para a impartición desta desta xornada contarase coa presenza de catro especialistas en gamificación: Luz Castro Pena, da empresa Imaxin Software, é experta en desenvolvemento de xogos dixitais e produtos multimedia; Imma Marín Santiago, da consultora Marinva, está especializada en xogos, xoguetes, e tecnoloxía e educación no tempo de lecer; Esther Hierro Mariné, tamén da consultora Marinva, dedícase á comunicación a través do xogo; e Silvia López Gómez, de Imaxin Software, é pedagoga especializada en deseño de aplicacións interactivas e videoxogos.

Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.

Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.