O Centro Demostrador TIC acolle esta semana un obradoiro sobre cloud computing para pemes do sector tecnolóxico
Ten como obxecto ofrecerlle aos profesionais do sector toda a información necesaria sobre Cloud Computing dende unha perspectiva non só tecnolóxica senón tamén como un novo referente do modelo de negocio
É o terceiro e último dunha serie de talleres orientados á capacitación sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes TIC que se ofertan no Centro Demostrador TIC de Galicia
As empresas interesadas poderanse inscribir no portal web TIC http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC de Galicia acollerá mañá mércores 23 e o xoves 24 de maio un taller sobre “Cloud Computing”. O obxecto da sesión é ofrecerlles ás pemes do sector tecnolóxico de Galicia, toda a información necesaria sobre Cloud Computing dende unha perspectiva non só tecnolóxica, senón tamén como un novo referente do modelo de negocio.
Na actualidade o Cloud Computing é xa unha realidade no día a día de miles de empresas, que poden utilizalo para abaratar os custos da xestión do seu negocio. De igual maneira, as posibilidades que o cloud ofrece para xerar novos modelos de negocio está cambiando a forma de prestar servizos de moitas das empresas do sector TIC do noso país. Ao longo do obradoiro trataranse aspectos como os modelos de negocio, a seguridade da nube ou a regulación legal da mesma. De igual maneira, realizaranse varios exercizos prácticos cos asistentes ao taller.
O taller celebrarase en horario de mañá de 09:00 a 14:00 e horario de tarde de 15:00 a 19:00 durante os dous días e está distribuído en módulos teóricos combinados con diferentes casos prácticos.
A xornada abrirase cunha charla maxistral de hora e media de duración, a cargo do enxeñeiro Antonio De Toro, director Comercial da empresa ACT, pioneira en España na comercialización de servizos de software a través da nube.
O resto do obradoiro impartirase polo enxeñeiro Rafael Martín Espada, responsable do Departamento de Innovación Tecnolóxica de Asesores e Consultores en Administracións Públicas, ACAP e recoñecido experto en materia de Cloud. Rafael Martín foi, ademais, Director Xeral de Telecomunicacións para a Sociedade da Información da Junta de Extremadura, así como profesor da Universidade de Extremadura.
As prazas para asistir ao Obradoiro son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente online a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/node/364).
Ciclo de Talleres sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes TIC nos CDTIC
O taller é o último dunha serie de obradoiros orientados á capacitación sobre novas tendencias tecnolóxicas para pemes TIC que se ofertaron ao longo do último mes no Demostrador TIC de Galicia, organizados xunto con Red.es.
CDTIC
O Centro Demostrador TIC, posto en marcha pola Xunta de Galicia, constitúe un espazo de referencia co obxecto de difundir as vantaxes da incorporación de TIC en pemes, impulsando a creación de espazos de encontro entre a oferta do sector TIC e a potencial demanda de pemes, difundir as vantaxes da incorporación das TIC aos procesos produtivos, facilitar a transferencia de tecnoloxía, servizos especializados e coñecemento entre o sector TIC e as pemes, así como a de asesorar, capacitar e formar tecnoloxicamente ás empresas.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade pública empresarial Red.es.
Este proxecto lévase a cabo grazas á cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais, a través da entidade pública Red.es, que se encarga de fomentar o desenvolvemento do medio produtivo, o desenvolvemento tecnolóxico e da sociedade da información.