O Centro Demostrador de Galicia celebra un ciclo de talleres para achegar a tecnoloxía ás pemes
O obxectivo é ofrecer unha capacitación gradual que permita aos empresarios mellorar o seu negocio a través dun uso estratéxico do TIC
O primeiro taller terá lugar o 15 de outubro baixo o título "Traballo en orde e con seguridade", ao que lle seguirán esa mesma semana "Xestiono a miña empresa eficazmente" e "Mobilidade. O meu negocio na nube"
"Comercio electrónico" e "O meu negocio na rede" serán os temas dos seguintes talleres que se celebrarán en novembro
As empresas interesadas poderanse inscribir no portal web do Centro Demostrador TIC http://cdtic.xunta.es/inscribir
O Centro Demostrador TIC de Galicia, acollerá en outubro un ciclo de talleres, baixo o título “Construíndo unha peme dixital”, cuxo obxectivo é ofrecer unha capacitación gradual en novas tecnoloxías a autónomos e micropemes, desde un coñecemento básico ata un nivel de consolidación que permita aos empresarios mellorar o seu negocio a través dun uso estratéxico do TIC.
O primeiro dos talleres, “Traballo en orde e con seguridade”, terá lugar o vindeiro luns 15 de outubro, e está orientado a introducir aos asistentes nos conceptos e usos básicos das novas tecnolóxicas, aprender a configurar o seu correo electrónico, instalar un antivirus, ou xestionar os contactos, entre outras utilidades. O taller celebrarase en horario de mañá de 10:00 a 14:00 e horario de tarde de 16:00 a 20:00 e está distribuído en módulos teóricos acompañados de constantes prácticas para reforzar o aprendido.
O segundo taller, “Xestiono a miña empresa eficazmente”, desenvolverase entre os días 16 e 18 de outubro, e permitirá ao asistente dominar aspectos tan importantes como a facturación electrónica, operar coa administración pública, xestionar a súa comunicación interna, e mesmo a externa aprendendo a montar a un blog. O 19 de outubro terá lugar o terceiro taller, “Mobilidade. O meu negocio na nube”, grazas ao cal os asistentes coñecerán ferramentas para mellorar a xestión das pemes usando un teléfono móbil.
En novembro, concretamente entre os días 12 e 16, desenvolverase a segunda parte do ciclo de talleres, comezando cunha charla maxistral sobre comercio electrónico a cargo de Carlos Otero, director de Colímera Consultores e co-autor dos libros “Redes Sociais na Empresa” e “Redes de Computadores e Internet”. A continuación impartirase o taller “Comercio electrónico”.
O ciclo “Construíndo unha peme dixital” terminará os días 14, 15 e 16 co taller “O meu negocio na rede”, que ensinará aos asistentes a integrar as redes sociais nas estratexias de marketing e comunicación da súa empresa.
As prazas para asistir aos distintos talleres son limitadas, polo que é necesario inscribirse previamente online a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/inscribir).
CDTIC
O Centro Demostrador TIC, posto en marcha pola Xunta de Galicia, constitúe un espazo de referencia co obxecto de difundir as vantaxes da incorporación de TIC en pemes, impulsando a creación de espazos de encontro entre a oferta do sector TIC e a potencial demanda de pemes, difundir as vantaxes da incorporación do TIC aos procesos produtivos, facilitar a transferencia de tecnoloxía, servizos especializados e coñecemento entre o sector TIC e as pemes, así como a de asesorar, capacitar e formar tecnoloxicamente ás empresas.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da entidade pública empresarial Red.es e a Xunta de Galicia.
Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER)
Este proxecto púidose levar a cabo grazas á cofinanciación da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), o que permite contribuír a mellorar a cohesión social das rexións españolas mediante a corrección dos principais desequilibrios rexionais, a través da entidade pública empresarial Red.es, que se encarga de fomentar o desenvolvemento da contorna produtiva, o desenvolvemento tecnolóxico e a sociedade da información.