O Centro Demostrador da Amtega acolle unha sesión dirixida a despachos profesionais sobre a protección e a seguridade da información
Será o 21 de abril en horario de 9.00 a 14.00 horas nas instalacións do CDTIC. Tamén poderá seguirse por streaming.
Dirixida a despachos profesionais (avogados, enxeñeiros, consultores...) afondará sobre as implicacións da LOPD e a importancia da seguridade da información nestes sectores.
A asistencia é de balde, previa inscrición na páxina web do CDTIC https://cdtic.xunta.es/
O Centro Demostrador TIC, que xestiona a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), acollerá nas súas instalacións o día 21 de abril unha sesión demostradora que leva por título “Protección e seguridade da información para despachos profesionais” (https://cdtic.xunta.es/despachos-kumobe) que se desenvolverá en horario de 9.00 a 14.00 horas.
Trátase dunha actividade coa que pretende afondar no coñecemento da Lei orgánica de protección de datos de carácter persoal (LOPD) e a súa relación co ámbito das novas tecnoloxías, así como adquirir os coñecementos necesarios para o correcto cumprimento da normativa existente en relación con este tema. Na sesión presentaranse, así mesmo, diferentes solucións existentes para a protección e a seguridade no tratamento de datos dos clientes dos despachos profesionais, mecanismos de recuperación da información ante algún tipo de incidente e casos de éxito.
Esta xornada está especialmente deseñada para despachos profesionais (avogados, economistas, enxeñeiros etc.) e empresas TIC. A organización corre a cargo de Kumobe, compañía que ofrece solucións no ámbito do backup (copias de seguridade) e do disaster recovery (recuperación da información ante calquera incidente).
Para participar nesta actividade cómpre inscribirse na web do CDTIC (https://cdtic.xunta.es/). A asistencia é de balde e aínda é posible anotarse, xa que as prazas, polo momento, non están cubertas. As persoas que non poidan acudir á demostración poderán seguila a través de streaming.
Centro Demostrador TIC
O CDTIC, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, ten como obxectivo achegarlles a oferta de produtos tecnolóxicos ás empresas doutros sectores produtivos. O Centro constitúe un punto de encontro entre a oferta TIC e a demanda tecnolóxica do tecido empresarial galego.
Deste xeito, as empresas TIC poderán desenvolver solucións innovadoras adaptadas ás necesidades de mercado de empresas doutros sectores produtivos, que coñecerán os produtos TIC máis adecuados para optimizar os seus negocios e terán a oportunidade de trasladarlles demandas concretas ás empresas do ámbito tecnolóxico.
O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de Red.es, e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.