O Centro Demostrador acolle o vindeiro xoves unha xornada sobre solucións tecnolóxicas en Software Libre para facilitar o uso das TIC a persoas maiores e con discapacidade

Domingo 15 de Xullo de 2012

O Centro Demostrador acolle o vindeiro xoves unha xornada sobre solucións tecnolóxicas en Software Libre para facilitar o uso das TIC a persoas maiores e con discapacidade

Representantes de diferentes empresas amosarán ferramentas tecnolóxicas libres orientadas a romper barreiras no uso da tecnoloxía por parte de persoas con diversidade funcional

A sesión vai dirixida a profesionais de diversos ámbitos de actividade (educación, socio-asistencial, asociacións, fundacións...) que traballan con ou para persoas con diversidade funcional

As empresas, entidades ou persoas interesadas poden inscribirse vía web na ligazón http://cdtic.xunta.es/inscribir

O vindeiro xoves 19 de xullo, o Centro Demostrador TIC acollerá a xornada demostradora “Oportunidades na accesibilidade con Software Libre” co obxectivo de facer un recorrido por solucións tecnolóxicas de accesibilidade con licenza libre dirixidas a facilitar o uso das novas tecnoloxías a aquelas persoas que teñen algunha discapacidade física, psíquica ou sensorial.

A xornada vai dirixida á profesionais de diversos ámbitos de actividade (educación, socio-asistencial,  asociacións, fundacións...) que traballan con ou para persoas con diversidade funcional. A asistencia é de balde, condicionada ao aforo do local e previa inscrición en liña a través do portal web do Centro Demostrador TIC (http://cdtic.xunta.es/node/445).

Relatorios

A Xornada, que se celebrará de 10:00 a 14:00, comezará co relatorio “Accesibilidade no entorno de escritorio GNOME”, presentado por Alejandro Piñeiro, coordinador do Equipo de Accesibilidade de Igalia e coordinador do GNOME Accesibility Team da GNOME Foundation.

A continuación, Juana Fernández, asesora SIEGA-ABALAR exporá as posibilidades do “Software Libre na Educación”, acompañada de Rosa María Garrido e Juan Carlos Buño, instrutores de Tiflotecnoloxía e Braille da Once, que compartirán cos asistentes a súa experiencia no uso de tecnoloxías con licenza libre con persoas con discapacidade visual.

Por último, terá lugar a presentación de “Tecnoloxías Libres para interacción multimodal de usuarios con diversidade funcional” a cargo de Iván Pozuelo, xestor de proxectos de Wireless Galicia, Esteban Vázquez, investigador de Gradiant e Antonio Cardenal, doutor en Telecomunicacións do Grupo de Tecnoloxías Multimedia da Universidade de Vigo.  Todos eles membros do proxecto INTERACCE, cuxo obxectivo é a procura de interfaces de usuario que faciliten a interacción home-máquina, facéndoas máis usables e intuitivas, especialmente importante para o colectivo obxectivo da xornada.

A Amtega apoiando a Tecnoloxía Social Responsable

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Amtega, a través da Área de Sociedade Dixital, ten, como un dos seus obxectivos estratéxicos, o fomento e integración das novas tecnoloxías en todas as capas da poboación.

Para acadar estas metas a Axencia conta, entre outros instrumentos co o Centro Demostrador TIC de Galicia, CDTIC, inaugurado o ano pasado como punto de encontro entre o sector TIC e o resto dos sectores empresariais e o Programa Voluntariado Dixital, posto en marcha hai uns meses para fomentar a inclusión social a través do uso das novas tecnoloxías entre a cidadanía, facendo especial fincapé entre os maiores e as persoas con discapacidade.

Así mesmo, a Axencia de Modernización vén impulsando o uso do ferramentas libres a través do “Plan de Acción en materia de Software Libre", que no 2012 que ten como obxectivos impulsar unha oferta de solucións baseadas en software libre de calidade, as cales poidan ser difundidas en calquera ámbito e sector de actuación.

Centro Demostrador TIC

O Centro Demostrador TIC de Galicia é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través de red.es e a súa misión é ofrecer un espazo de encontro entre a oferta e a demanda tecnolóxica.